Skip to main content
STG

Aberto o prazo para participar na segunda edición do Modelo Galego de Nacións Unidas (GaliMUN)

No encontro pode participar calquera estudante da USC. Foto: Santi Alvite
No encontro pode participar calquera estudante da USC. Foto: Santi Alvite
Desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados entre o 20 e o 22 de marzo

A segunda edición do Modelo Galego de Nacións Unidas (GaliMUN) desenvolverase na USC do 20 ao 22 de marzo. Trátase dunha simulación na que estudantes de distintas disciplinas representan figuradamente diferentes países para defender posturas concretas en debates sobre asuntos globais.

O encontro, organizado pola Asociación SimuGal coa colaboración do Consello do Estudantado da USC e financiamento da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC, configúrase como un espazo para desenvolver habilidades esenciais como a oratoria, a argumentación, a negociación e o pensamento crítico nunha contorna académica dinámica e colaborativa.

Nesta ocasión, as temáticas serán a Marcha Verde no Sáhara Occidental (1975); o acceso á auga, saúde e hixiene menstrual para mulleres en Gaza; o uso da violencia como arma de guerra no conflito de Sudán  e autonomía militar e defensa europea. O prazo para inscribirse está aberto a todo o estudantado e remata o 13 de marzo.

GaliMUN

O Modelo Galego de Nacións Unidas simula as reunións diplomáticas das Nacións Unidas nas que as persoas participantes representan distintos países e actúan como delegados diplomáticos, recreando o funcionamento real desta organización e tomando decisións sobre asuntos clave como a paz e seguridade internacionais, os dereitos humanos, a economía ou o medio ambiente.

Para iso, deben investigar e preparar as posicións que reflictan os intereses do país que representan. Ademais, negociarán, resolverán conflitos e colaborarán con outros delegados, promovendo o desenvolvemento de competencias fundamentais como a comunicación efectiva, o pensamento crítico, o traballo en equipo e a capacidade de negociación.
 

The contents of this page were updated on 02.25.2026.