Skip to main content
STG

A segunda lectura antolóxica dedicada a Rosalía de Castro reivindica na USC a universalidade e vixencia da súa obra

Fernando Cabo e Jaume Subirana. FOTO: Santi Alvite
Fernando Cabo e Jaume Subirana. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra que leva o nome da autora galega impulsou a sesión ‘Vou con farois buscándome a min mesma’, conducida polo poeta catalán Jaume Subirana
Santiago de Compostela

A Cátedra Rosalía de Castro organizou este xoves 26, na Facultade de Filoloxía, a segunda Lectura antolóxica dedicada á autora galega. O acto comezou cunha presentación institucional a cargo da equipa directiva da Cátedra para enmarcar o acto dentro das celebracións do Día de Rosalía coas que se conmemora o nacemento da autora e contextualizar esta segunda edición do evento que naceu en 2025 inspirado no recital antolóxico de poesía galega que se celebrou en Bos Aires en 1956 baixo a coordinación de Eduardo Blanco Amor.

A continuación, baixo o título ‘Vou con farois, buscándome a min mesma’, o poeta catalán Jaume Subirana, guiou unha lectura comentada de versos escollidos de Rosalía para facelos dialogar con poemas de autoras referentes a nivel mundial, que comparten con ela certos sinais de identidade adaptados a diferentes épocas e contextos. Subirana escolleu poemas da británica Christina Rosetti –coetánea de Rosalía e con quen existen abundantes comparacións en textos académicos-, a uruguaia Juana de Ibarbourou (1892-1979), a xaponesa Kaneko Misuzu (1903-1930) e a estadounidense Emily Dickinson (1830-1886).

Puntos clave da proxección internacional 

Ao igual que moitas das poetas escollidas por Subirana para esta lectura, Rosalía “proxecta na súa obra unha voz universal e existencial que transcende o seu contexto local para profundar na orfandade do ser humano e na dor”, destacan dende esta Cátedra da USC. Ademais, tamén coma elas, “é unha icona do feminismo e a liberdade, que defendeu a independencia creativa feminina, alzando a voz contra a opresión social e os estereotipos da época”. Dende a Cátedra salientan como “ao igual que sucede en moitos destes casos, podemos falar dela como unha renovadora da poesía, especialmente con Cantares gallegos e Follas novas, onde se afasta do sentimental para explorar a angustia existencial e a crítica social”.

A relación de Subirana coa obra rosaliana

Subirana, catedrático de Literatura Catalana na Universitat Pompeu i Fabra, manifestou ter chegado a Rosalía polo seu interese por Galicia e o galego e, en conexión con isto, as figuras dos "poetas nacionais" como autores cargados de representación ou vinculación simbólica coa lingua e a comunidade. Neste sentido, compara a transcendencia de Rosalía de Castro coa figura de Jacint Verdaguer en Cataluña.

O poeta catalán non establece un vínculo directo entre a obra de Rosalía e a súa poesía “porque a distancia temporal e estética é grande”, pero si recoñece proximidade a algúns momentos ou estratexias "poéticas", técnicas na súa obra, motivados polo grande interese e simpatía que lle suscita a súa figura literaria e cultural.

A homenaxe da Cátedra

O obxectivo desta lectura é provocar reflexións e conexións entre a obra de Rosalía e outras poéticas contemporáneas coas que comparte certos sinais de identidade que a converten nunha autora universal que transcende o territorio para erixirse non só na poeta fundacional da literatura galega, senón nunha voz vixente e actual.

Con esta sesión, a Cátedra Rosalía de Castro quere reivindicar a actualidade e universalidade da obra da escritora, que foi traducida a máis dunha ducia de linguas entre as que se contan o alemán, o inglés, o francés, o xaponés, o ruso, o catalán, o vasco, o portugués, o italiano, o árabe, o bengalí, o búlgaro, o checo, o croata, o kurdo, o esperanto, o hebreo, o hindi, o húngaro, o polaco, o romanés e o nawat.
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 02.26.2026.