Skip to main content
STG

A USC acada o segundo posto no Campionato Galego Universitario de Vela

Tripulación do equipo de vela da USC
Tripulación do equipo de vela da USC
Desenvolveuse este xoves en Vilagarcía de Arousa

O equipo de vela da Universidade de Santiago acadou este xoves en Vilagarcía de Arousa un meritorio segundo posto na clasificación final no Campionato Galego Universitario Xunta de Galicia. A xornada estivo marcada pola escaseza de vento, que obrigou a alongar a competición máis do previsto inicialmente.

A proba deu comezo ás 11:30 horas e prolongouse ata as 19:15 horas. Nun principio estaba previsto que o campionato tivese unha duración aproximada de dúas horas, mais as condicións meteorolóxicas, cun vento insuficiente durante boa parte do día, fixeron necesario estender o desenvolvemento das mangas para garantir a celebración das probas en condicións regulamentarias.

No campionato participaron sete embarcacións, representando ás tres universidades galegas. A da  Universidade de Santiago de Compostela, cunha  tripulación formada por César Herrero Baspino, Susana Bestard Mir e Lucas Albaladejo Reino, realizou unha destacada actuación ao longo da xornada. Finalmente, na clasificación xeral, a Universidade da Coruña acadou o primeiro posto, seguida pola Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo, que quedou en terceira posición.
 

The contents of this page were updated on 02.27.2026.