Skip to main content
STG

O profesor Luis Miguel Varela, elixido presidente da Silkway Network

Luis Varela Cabo
Luis Varela Cabo
A decisión tomouse este venres en Turín no marco da asemblea desta rede internacional que promove a cooperación en investigación, docencia e formación entre Europa e Asia
Santiago de Compostela

O catedrático da área de Física da Materia Condensada, Luis Miguel Varela Cabo, acaba de ser elixido presidente da Silkway Network, rede internacional de universidades, institucións académicas e socios non académicos que promove unha ampla cooperación en investigación, docencia e formación internacional entre Europa e Asia, inspirándose na histórica Ruta da Seda como símbolo de intercambio cultural e científico.

A elección tivo lugar este mesmo venres na III Asemblea da Silkway Network que se desenvolve en Turín (Italia) e na que se revisaron as actividades desenvolvidas durante o pasado ano e se abordaron aspectos estratéxicos para os dous vindeiros anos, como a expansión da rede cara á India e, potencialmente, a través das institucións españolas cara ao ámbito latinoamericano, así como o fortalecemento das súas relacións estratéxicas con institutos internacionais dos estados membros.

A delegación da USC na asemblea estivo encabezada polo profesor Jorge Sacido Romero, do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, quen continuará como membro do Steering Committee da Rede. Luis Miguel Varela sucede no cargo ao profesor Maurizio Acciarri, da Università degli Studi di Milano-Bicocca, quen continuará como vicepresidente.

A Rede
O obxectivo da Rede Silkway é fomentar a colaboración académica e multidisciplinar a través de programas conxuntos de dobre e múltiple titulación, programas internacionais de doutoramento, mobilidade de estudantado e profesorado, así como o desenvolvemento de proxectos de investigación orientados a afrontar os retos globais contemporáneos.

A rede foi fundada e está coordinada pola Università degli Studi di Milano-Bicocca e pola Universidade de Santiago de Compostela e conta coa participación de diversas institucións europeas e asiáticas, entre elas, Baku Higher Oil School, Eurasian National University, Fondazione Collegio delle Università Milanesi, Pininfarina Architecture, MBS Consulting, a Universidad de La Laguna, a Universidade de Aveiro, a University of Brescia, a University of Camerino, a University of Chieti-Pescara, a University of International Business, a University of Padova, Osh State University, a Kyrgyz National University, a National University of Uzbekistan (Tashkent) e Yazar University en Turquía, ademais doutros socios académicos e organizacións públicas e privadas.

As súas áreas de actividade inclúen a xeopolítica e a demografía, as finanzas, a xestión e o dereito, a enerxía e o medio ambiente, as infraestruturas e a conectividade, así como a teoría, a cultura e a política, promovendo un enfoque holístico e interdisciplinar. A rede organiza tamén escolas de verán e seminarios internacionais que facilitan o intercambio académico e cultural, e participa en iniciativas como Erasmus+ para impulsar a formación en enerxías renovables, eficiencia enerxética, economía circular e emprendemento sostible, reforzando así a internacionalización educativa e a cooperación académica intercontinental.

The contents of this page were updated on 02.27.2026.