O CLM, centro examinador oficial de varias linguas e de coñecementos para obter a nacionalidade
O Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago organiza cada ano varias convocatorias oficiais de exames de acreditación de idiomas como catalán, italiano ou francés e mesmo examina das probas de coñecementos constitucionais e socioculturais de España (CCSE).
No caso do catalán, o Institut Ramon Llull a través da Área de catalán e do CLM convoca anualmente as probas de obtención dos Certificats de Llengua Catalana emitidos por esa institución, con sede na Universidade de Santiago, e válidos tanto para a comunidade universitaria como para o público en xeral.
Ademais, desde 2007, o CLM é centro examinador en Galicia para os exames CILS da Università per Stranieri di Siena para a lingua italiana como lingua estranxeira. Co CILS pódense acreditar seis niveis do MECRL, aínda que no CLM se convoca soamente o nivel DUE-B2 nas convocatorias de decembro e xuño. Este ano a matrícula permanecerá aberta dende o 16 de marzo deica o 24 de abril.
Por outra banda, desde o ano 2020 o CLM é centro colaborador d'Alliance Française para a organización dos exames oficiais de francés DELF nos niveis B1 e B2 na USC en tres convocatorias anuais en febreiro, xuño e outubro. Ata 11 de abril estará aberta a convocatoria de xuño de 2026.
Proba de coñecementos
Superar a proba de coñecementos institucionais e socioculturais de España (proba CCSE) elaborada polo Instituto Cervantes serve para cumprir cun dos requisitos legais na obtención da nacionalidade española. Precisamente, o CLM é tamén centro organizador destas probas, que se desenvolven de maneira permanente na Facultade de Filoloxía dende 2016.
Competencia lingüística
Ademais, de non dispor de ningún documento que acredite oficialmente o nivel lingüístico, o CLM organiza probas de competencia lingüística (PCL) dirixidas a toda a comunidade universitaria da USC e a persoas externas maiores de 18 anos.
Trátase de exames sobre as catro destrezas lingüísticas principais (expresión e interracción oral, expresión escrita, comprensión auditiva e comprensión lectora), adaptados aos niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECRL), para facilitar a acreditación de niveis lingüísticos en relación coa mobilidade e con procesos selectivos da USC.
As probas realizaranse regularmente ao longo do curso, variando a oferta de datas e prazas segundo a lingua da que se trate.