Skip to main content
STG

Galicia sinala o futuro da fotónica autosuficiente e de baixo consumo no proxecto ‘bLOSSom’ no que participa o CiTIUS da USC

‘bLOSSom’ afrontará o desafío de desenvolver chips fotónicos autosuficientes e de ultra baixo consumo
‘bLOSSom’ afrontará o desafío de desenvolver chips fotónicos autosuficientes e de ultra baixo consumo
Das 2.087 propostas remitidas desde 71 países ao programa Horizon-EIC-2025-Pathfinder, unicamente 44 obtiveron financiamento
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) acaba de obter un novo proxecto europeo que impulsará o desenvolvemento de sistemas fotónicos capaces de alimentarse a si mesmos e reducir drasticamente o consumo enerxético en aplicacións de intelixencia artificial e procesamento masivo de datos. Financiada polo Consello Europeo de Innovación (EIC) con case tres millóns de euros a través da convocatoria Pathfinder Open 2025, a iniciativa internacional ‘bLOSSom’ (acrónimo en inglés de Self-Sustained Photonic Systems through Autonomous LOSS Harvesting, Sistemas Fotónicos Autosostidos mediante Captación Autónoma de Perdas Enerxéticas) combinará investigación na fronteira do coñecemento e innovación tecnolóxica cun liderado científico con forte presenza feminina. Das 2.087 propostas remitidas desde 71 países distintos no ano 2025 ao programa Horizon-EIC-2025-Pathfinder, unicamente 44 obtiveron financiamento deste programa de axudas á innovación no marco comunitario, dotado con máis de 140 millóns de euros para impulsar tecnoloxías radicalmente disruptivas en fases moi temperás de desenvolvemento.

A coordinación deste proxecto, que arrancou oficialmente o pasado 1 de marzo, recaerá na Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), que será a institución responsable de liderar un consorcio internacional integrado por entidades de España, Polonia, Portugal e Irlanda; entre elas, a rede de investigación Łukasiewicz (Polonia), o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), F6S Network (Irlanda), o propio CiTIUS e a spin-off do centro energHius. O proxecto desenvolverase durante os vindeiros catro anos.

Recuperar a enerxía perdida

O principal foco investigador de bLOSSom centrarase na fotónica integrada, a tecnoloxía que emprega a luz para procesar e transmitir información dentro dos chips. Aínda que esta tecnoloxía ofrece enormes vantaxes en velocidade e eficiencia, os seus dispositivos seguen xerando perdas enerxéticas durante o seu funcionamento. bLOSSom propón reutilizar a chamada enerxía parasita —aquela que actualmente se perde en forma de calor ou radiación nos propios compoñentes fotónicos— para alimentar o sistema, aproveitando así unha valiosa cantidade de enerxía. Unha ambiciosa idea da que dá conta o obxectivo último do proxecto, cuxa finalidade é que os dispositivos poidan chegar a operar con necesidades externas de enerxía próximas a cero.

Para conseguilo desenvolveranse interfaces electroópticas, capaces de converter sinais ópticos en eléctricos e dirixir esa enerxía cara a unha unidade de xestión enerxética integrada (Power Management Unit, PMU), que almacenará e liberará enerxía baixo demanda. O proxecto explorará distintas solucións tecnolóxicas, desde unións electroópticas avanzadas ata o uso de materiais bidimensionais (como o grafeno) ou sistemas inspirados en mecanismos fotosintéticos recreados no laboratorio. Un dos obxectivos máis ambiciosos é desenvolver un módulo fotónico integrado capaz de alimentarse a si mesmo e de activar o sistema sen depender dunha fonte de enerxía externa. Este avance podería permitir o desenvolvemento de redes fotónicas modulares ultra-masivas e solucións neuromórficas (arquitecturas de intelixencia artificial inspiradas no cerebro humano) cuxo tamaño poida medrar exponencialmente sen un aumento proporcional do consumo enerxético. As estimacións apuntan a reducións de entre 100 e 1.000 veces respecto ás arquitecturas actuais, con implicacións directas en centros de datos, infraestruturas dixitais críticas, sensores médicos e robótica industrial.

Nun escenario global marcado pola competencia tecnolóxica e a dependencia europea de compoñentes estratéxicos fabricados fóra da UE, iniciativas como bLOSSom contribúen a reforzar a soberanía tecnolóxica en microelectrónica avanzada e fotónica intelixente en Europa.

Liderado feminino

Dentro do consorcio internacional, o CiTIUS asumirá, xunto con energHius (spin-off xurdida da investigación desenvolvida no propio centro e constituída como empresa de base tecnolóxica na USC), o deseño da arquitectura enerxética do sistema. A coordinación científica do equipo do CiTIUS recaerá en Paula López, directora adxunta do centro de investigación da USC e responsable do plan de integración heteroxénea dos distintos compoñentes do sistema. A investigadora experta en microchips explica que “o noso reto é deseñar unha arquitectura capaz de captar, almacenar e reutilizar a enerxía que o propio sistema fotónico xera e malgasta. Estamos a desenvolver unha unidade de xestión enerxética autónoma, en tecnoloxía CMOS comercial, que permita o arranque independente do sistema e garanta a integración e interoperabilidade entre os compoñentes fotónicos e electrónicos. O obxectivo é demostrar que a autosuficiencia enerxética en fotónica integrada é viable e escalable”.

Xunto á responsable de bLOSSom no CiTIUS, o equipo do centro complétase cos investigadores Víctor Brea e Fernando Pardo e a investigadora predoutoral Laura Vicente, reforzando a dimensión técnica e o liderado feminino do grupo nun ámbito estratéxico para a transición enerxética e dixital. A implicación de energHius (quinta spin-off do CiTIUS), consolida ademais a conexión entre investigación académica e innovación empresarial. A empresa naceu en marzo de 2025 como resultado de máis de vinte anos de investigación en deseño de circuítos integrados de ultra baixo consumo, e o seu obxectivo fundacional é trasladar ao mercado solucións avanzadas de captación e xestión enerxética a escala micrométrica.

Con este novo recoñecemento entre as institucións apoiadas polo organismo de referencia no financiamento dos proxectos máis vangardistas en Europa, o CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027) consolida a súa posición en microelectrónica avanzada e intelixencia artificial enerxeticamente eficiente, reforzando o papel da USC como polo internacional de innovación tecnolóxica e contribuíndo ao fortalecemento da autonomía estratéxica europea.
 

The contents of this page were updated on 03.04.2026.