Skip to main content
STG

Acto de entrega dos premios do III Certame literario Mazarelos

O Certame literario Mazarelos entregará este mércores 13 os premios da súa terceira edición cun acto ás 19.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. Na súa última convocatoria, o xurado premiou as obras de Arancha Nogueira, Jorge Rodríguez Durán e Valentín Estévez Souto. No acto de entrega está prevista a participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María do Carme Silva Domínguez; do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; ademais dunha representación do equipo decanal da Facultade de Filoloxía.

De entre as 22 obras presentadas, o xurado acordou por unanimidade conceder o primeiro premio ao conxunto de poemas titulado O aniversario de Arancha Nogueira. Da obra gañadora, o xurado destacou no seu ditame que se trata dun “conxunto cunha estrutura ben trabada, na que a circularidade dos poemas serve de metáfora á experiencia do desamor. Un exercicio completado por imaxes impactantes que caracterizan unha voz moi persoal”.

O segundo premio foi para a serie poética titulada O sentido común de Jorge Rodríguez Durán. Como elementos destacados, o xurado subliñou a “ combinación entre linguaxe cotiá e poética acompañada dun tratamento irónico e con referencias frecuentes”. Finalmente, o xurado concedeu o terceiro premio a Mar de fondo de Valentín Estévez Souto destacando “a súa conexión lovecraftiana coa cultura mariñeira galega e a complexidade dunha trama de suspende”. Integraron o xurado a profesora Dolores Vilavedra Fernández, que o presidiu, e Emilio González Miranda, Patricia Fra Lopez e Raúl Gómez Pato, ademais de Mario Regueira Fernández en calidade de secretario.

Logo de recolleren cadanseu premio, está previsto que as persoas premiadas compartan co público asistente fragmentos das súas obras. O acto pecharase cunha actuación musical da cantante Noemia, que acaba de ser galardoada co primeiro posto no I Certame de Música Galega da USC.

The contents of this page were updated on 12.12.2017.