Skip to main content
STG

A profesora Victoria Otero Espinar acaba de ser elixida presidenta da Conferencia de Decanos de Matemáticas

M. Victoria Otero Espinar, decana da Facultade de Matemáticas da USC. Imaxe de arquivo.
M. Victoria Otero Espinar, decana da Facultade de Matemáticas da USC. Imaxe de arquivo.

A decana da Facultade de Matemáticas da USC, M. Victoria Otero Espinar, acaba de ser elixida presidenta da Conferencia de Decanos de Matemáticas (CDM) no transcurso da Asemblea Xeral deste colectivo celebrada en Oviedo. A Comisión Permanente se completa con Margarita Arias López (Universidade de Granada) como secretaria, Jacinto Martín Jiménez (Universidade de Extremadura) como tesoureiro e Norberto Corral Blanco (Universidade de Oviedo) e Antonio Díaz-Cano Ocaña (Universidade Complutense de Madrid) como vocais.

A Conferencia de Decanos de Matemáticas é unha asociación sen ánimo de lucro na que participan universidades, departamentos e asociacións relacionadas coas Matemáticas. Os seus fins son incidir na constante mellora da calidade dos estudos de Matemáticas, mellorar as condicións de inserción laboral dos/as titulados/as deste ámbito, así como promover e mellorar a imaxe das matemáticas na sociedade, fomentar a actividade científica desta área e a súa interrelacións con distintos ámbitos de coñecemento e axentes diversos, entre outras actividades.

Victoria Otero
M. Victoria Otero pertence á Xunta de Goberno da Real Sociedade Matemática Española así como ao Consello de Goberno e do Consello Científico do Instituto de Matemática da USC. No eido investigador, é membro do grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’ e traballa na análise funcional, os sistemas dinámicos e os problemas de contorno en ecuacións diferenciais ordinarias.

Ata o momento ten participado en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de trinta artigos científicos en revistas incluídas no JCR, nos que colabora, ademais de con investigadores da USC, con especialistas internacionais como Ravi Agarwal, do Florida Institute of Technology; Hyman Bass, da Columbia University; Paul Glendinning, da Universidade de Cambridge ou con Charles Tresser do centro de investigación de IBM.

The contents of this page were updated on 02.29.2016.