Skip to main content
STG

A Escola Universitaria de Relacións Laborais abre a celebración do seu 20 aniversario cun concorrido acto institucional

Asistentes ao acto inaugural da celebración do 20 aniverario da Escola Universitaria de Relacións Laborais
Asistentes ao acto inaugural da celebración do 20 aniverario da Escola Universitaria de Relacións Laborais

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus Terra da USC abre os actos conmemorativos do vixésimo aniversario da posta en marcha deste centro universitario coa celebración dun concorrido acto de inauguración, no que participaron, ademais de profesores e estudantes, autoridades académicas e políticas, así como representantes e cargos de empresas e institucións que ao longo destas dúas décadas teñen colaborado coa actividade promovida pola Fundación Campus na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, foi o encargado de presidir a sesión de apertura dos actos promovidos co gallo do 20 aniversario do centro universitario, unha cerimonia institucional na que tamén participaron a directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Javier Díaz; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o Secretario Xeral de Universidades, José Díez de Castro, e José Francisco Real Castro, en representación da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), entre outros representantes políticos e institucionais. O programa organizado pola Escola Universitaria de Relacións Laborais co gallo desta efeméride prolongarase durante as xornadas do 28 e 29 de abril, nas que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde diferentes relatorios, mesas de debate, concursos e coloquios, cuxa temática xirará arredor das relacións laborais e os recursos humanos. A profesora do Máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos Leticia García Alejandre, abre este mércores 27 o programa conmemorativo cunha masterclass sobre a xestión dos recursos humanos na actualidade. A importancia das relacións laborais nos diferentes sectores económicos e a evolución futura da carreira profesional no ámbito dos recursos humanos centrarán as sesións programadas este mércores, cando tamén está previsto fallar o concurso fotográfico de Instagram logo dunha exposición virtual dos traballos presentados. O futuro das relacións laborais capitalizará os debates da xornada do xoves, na que están programados dous relatorios, un a cargo da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e outro sobre a importancia das relacións laborais na actualidade e no futuro, ademais da celebración dun concurso orientado á participación de estudantes. Autoridades académicas e políticas que participaron na cerimonia conmemorativa

The contents of this page were updated on 04.27.2016.