A USC coordina un proxecto europeo para desenvolver un máster de matemática industrial en Asia central

A USC coordina o proxecto europeo ECCUM (Establishment of Computing Centers and Curriculum Development in Mathematical Engineering Master program) no que participan universidades de Uzbekistán, Kazakhstan, Eslovenia e Italia, co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A finalidade do proxecto será o desenvolvemento dun máster de alcance interuniversitario na zona de Asia central inspirado na experiencia docente da USC no ámbito da enxeñaría matemática e a matemática industrial así como o despregamento dunha rede de centros de cálculo.
O proxecto iniciou a súa actividade este luns 1 de febreiro nunha sesión no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas que reuniu representantes das entidades integrantes do proxecto baixo a presidencia o reitor Juan Viaño. Neste acto tamén interviñeron a decana da Facultade, Victoria Otero Espinar, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido Quintana.
Ademais de dar a benvida aos participantes ao encontro, o reitor puxo de manifesto a honra que supón “poder contribuír a implantar un máster de Enxeñaría Matemática nas universidades socias de Asia Central, Uzbekistán e Kazakhstan”, países cos que a Facultade compostelán mantén intercambio de estudantes nos últimos anos.
Esta primeira xuntanza definirá a mecánica de traballo e a planificación de actividades para o primeiro ano de funcionamento, ademais de servir de presentación e posta en común dos participantes en cuestións relativas a obxectivos, xestión e coordinación. Na xornada do martes 2, o proxecto avanzará na comparación da oferta de posgrao en enxeñaría matemática en distintos países, ademais de coñecer en detalle a oferta da USC nesta materia. O encontro contemplarase cun encontro con persoal técnico do Centro de Supercomputación de Galicia.
A xuntanza celébrase na Facultade de Matemáticas. Foto: Servimav-USC