Skip to main content
STG

A USC súmase un ano máis aos Campus Científicos de Verán 2016 para estudantes de Bacharelato e Secundaria

Un ano máis a USC acollerá a partir do próximo luns 4 os Campus Científicos de Verán 2016, programa que conta coa colaboración de dezaseis universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional seleccionados polo Ministerio de Educación e Cultura e Deporte conforme á valoración realizada polos mellores proxectos de achegamento científico presentados. Campus Científicos de Verán diríxese a estudantes de 1º de Bacharelato e 4º de ESO de centros educativos de toda España co obxecto de fomentar a investigación científica así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica.

A sesión inaugural destes campus celebrarase o luns 4 de xullo ás 10.00 horas no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca (Campus Vida) nun acto presidido polo vicerreitor de Comunicación e Coordinación Xosé Pereira Fariña e ao que tamén asistirá o delegado do reitor para o Ensino Medio e coordinador desta actividade, Luis Hervella Torrón. Nas facultades de Farmacia, Matemáticas e Física e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, os/as 120 estudantes que se achegarán á USC poderán participar nos proxectos ‘A sustentabilidade do ciclo da auga: un dos retos do século XXI’, ‘Buscando as partículas máis enerxética do universo’, ‘A maxia dos hidroxeles’ e ‘MathematiXSI: Mathematical Scene Investigation’ que dirixen Gumersindo Feijóo Costa, Ricardo Vázquez López, Francisco Javier Otero Espinar e Mª Victoria Otero Espinar, respectivamente.

A actividade dos campus estenderase ao longo de todo o mes de xullo. Na primeira quincena participarán un total de 60 estudantes de 1º de Bacharelato distribuídos en dúas quendas dunha semana e na segunda metade do mes outros 60 estudantes de 4º de ESO divididos tamén noutras dúas quendas dunha semana. A finalidade é espertar entre o estudantado máis novo vocacións científicas e avivar o seu interese polo polo estudo das ciencias como pola actividades investigadora. Así, búscase favorecer a transferencia de coñecemento en talento innovador e emprendedor, especialmente entre os máis novos.

Esta é unha iniciativa organizada polos ministerios de Educación e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co patrocinio da Obra Social la Caixa.

The contents of this page were updated on 07.01.2016.