Skip to main content
STG

Explican en Filoloxía o inventario PhonBank de datos fónicos de fala peculiar

Yvan Rose é profesor na Memorial University of Newfoundland (Canadá),
Yvan Rose é profesor na Memorial University of Newfoundland (Canadá),

O profesor Yvan Rose, da Memorial University of Newfoundland (Canadá), imparte estes días na Facultade de Filoloxía un seminario sobre uso e rendemento do sistema PhonBank. Trátase dun inventario de datos fónicos de fala peculiar –fala de nenos en proceso de adquisición da lingua e fala disfuncional de persoas con algún trastorno verbal– que permite a análise fonética parella á emisión sonora producida.

No repertorio PhonBank figuran xa datos dun número notable de linguas e en breve o grupo de investigación Koiné da USC (‘Estudos interdisciplinares de comunicación’) incrementará o inventario do español e dará presenza ao galego coa incorporación de arquivos de fala infantil nas dúas linguas.

O grupo Koiné define os seus intereses na esfera das aplicacións da lingüística a problemas comunicativos de distinta natureza. Foi a chamada ‘linguaxe peculiar’ e o seu valor de eficacia comunicativa o interese central dos proxectos de pescuda desenvolvidos polo grupo nos últimos anos. Así, a relevancia comunicativa atribuída ao desenvolvemento verbal en idades temperás orientou o deseño e elaboración do repertorio de datos de fala infantil Koiné, a disposición de todos os interesados no sitio CHILDES dende 2006.

The contents of this page were updated on 10.10.2016.