Estudan en Medicina os pesticidas e outros contaminantes orgánicos
Hoxe inaugurouse en Medicina o encontro internacional Pesticides 2016, reúne participantes na 9ª Conferencia Europea sobre pesticidas e microcontaminantres orgánicos xunto co 15º simposio sobre a química e o destino medioambiental dos novos pesticidas. O congreso, organizado polo INGACAL-CIAM en colaboración co grupo de investigación LIDSA da Facultade de Química da USC integrado na Agrupación estratéxica CRETUS, convoca investigadores de mais de 30 países de todos os continentes.
A vicerreitora de investigación, Isabel Rodríguez-Moldes, destacou na inauguración o enorme éxito desta edición compostelá, que supera en participación e internacionalización as edicións anteriores e que pon de manifesto a importancia da investigación que se realiza na USC en colaboración co INGACAL-CIAM no eido do desenvolvemento de ferramentas analíticas, “cada vez máis modernas e potentes para o control deste tipo de contaminantes, garantindo así unha maior seguridade e calidade medioambiental e agroalimentaria”.
No encontro tratarase de intercambiar coñecemento e tecnoloxía que permitan unha actualización multidisciplinar completa sobre os pesticidas e outros contaminantes orgánicos, especialmente os chamados ‘emerxentes’, con énfase en problemas medioambientais, aspectos de seguridade alimentaria e nas novas ferramentas analíticas. Preténdese ademais promocionar a colaboración e a transferencia de coñecemento entre científicos, industria e autoridades competentes en control medioambiental e alimentario.