Skip to main content
STG

Ciencias Económicas e Empresariais celebrará o luns o seu patrón

Entrada principal da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. Foto: RQ
Entrada principal da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. Foto: RQ

Ciencias Económicas e Empresariais celebrará o luns 8 a festividade do seu patrón, san Vicente Ferrer, cunha sesión protocolaria que comezará ás 12.00 horas no Salón de Graos do centro presidid pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Na mesma mesa presidencial participarán tamén o decano Xoán Ramón Doldán García; e o profesor ad honorem do departamento de Organización de Empresas e Comercialización Justino Bastida Calvo que pronunciará a conferencia ‘Económicas e Empresariais / ADE: onte e hoxe’.

O protocolo do acto comezará coa entrega de diversos premios impulsados pola Facultade, entre eles o do concurso de pintura CreArte na Universidade 2018 para Alejandra Pardo Martínez ou o premio Fulget 2018 outorgado á empresa Martín Codax, en cuxo nome recollerán o galardón o seu director executivo, Juan Antonio Vázquez Gancedo, e a directora de Márketing, María Garrido, ambos os dous antigos alumnos do centro.

Na mesma sesión tamén se entregarán os premios extraordinarios de Grao correspondentes ao pasado curso académico a Lucas Jacobo Luaces Rozados e Francisco López Bermúdez (Economía) e a Jorge Saldaña Moscoso (ADE), así como os de corresponde a Máster a Leandro Javier Llorente González (Desenvolvemento Económico e Innovación); Antonio Rodríguez García (Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas); e a Rubén Pájaro García (Dirección e Xestión Contable e Financeira). Tamén no apartado dos premios académicos, María Ángeles Pereira Sánchez recibirá o premio extraordinario de Doutoramento 2015-2016.

Finalmente, entregaranse os premios á Calidade Lingüística do curso 2017-2018, outorgado a Alba Martínez Mirás, alumnado do grao en Economía polo seu Traballo Fin de Grao e a primeira edición do Premio María del Carmen Lorenzo Díaz a TFG e TFM sobre a economía dos recursos naturais e do medio ambiente. Recibiranos Alba Martínez Mirás, na modalidade TFG, e Enid López López, na de TFM.

Ademais dun acto de recoñecemento da acción solidaria da Facultade coa Asociación Fonte da Virxe, asociación de familiares e amigos dos enfermos mentais, a conferencia de Justino Bastida e a intervención da vicerreitora Mar Lorenzo pecharán o acto.

The contents of this page were updated on 04.05.2019.