Os catedráticos Senén Barro e Luis Caramés incorporaranse como académicos numerarios da Real Academia Galega de Ciencias

Os catedráticos Senén Barro Ameneiro e Luis Caramés Viéitez incorporaranse como académicos numerarios da Real Academia Galega de Ciencias, logo do anuncio realizado polo presidente desta institución no acto de apertura do novo curso da Academia. O ex reitor da USC entre 2002 e 2010 e catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro, sumarase á sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos. É presidente da Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas (RedEmprendia) dende maio de 2008 e académico correspondente na Reial Acadèmia de Doctors. Foi editor ou autor de sete libros e ten asinado máis de 200 artigos científicos. Catedrático de Economía Aplicada, Luís Caramés incorporarase á sección de Ciencias Sociais e Económicas. É especialista en Facenda Local, membro da Association of Local Public Economics e co-editor da revista internacional Urban Public Economics Review, ademais de ter participado na dirección do Plan Estratéxico de Santiago e ocupado a presidencia da Organización de Economistas da Educación (OEE). Colaborador habitual de varios medios de comunicación especializados en economía, foi decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e director do seu Departamento de Economía Aplicada.