Últimos días de inscrición no XI Curso de Primavera da USC
A USC pechará o venres 17 de abril o prazo de inscrición no XI Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que afondará na súa undécima edición no estudo e na análise da segunda parte da obra cumio de Miguel de Cervantes, ao longo de diferentes relatorios e táboas de redondas que se desenvolverán do 21 ao 23 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades.
As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no X Curso de Primavera da USC poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 17 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 98.82.15.13. O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. Asemade, o estudantado universitario matriculado no XI Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración. A temática escollida polas profesoras Cristina Patiño e Ana Goy, coordinadoras desta nova edición do Curso de Primavera da USC, que se desenvolve baixo o título ‘IV Centenario da publicación de El Ingenioso Caballero Don Quijote de la Macha (1615-2015)’ , responde á oportunidade de retomar a obra cumio de Cervantes xusto no ano no que se cumpre o cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quixote, así como da súa obra teatral ‘Ocho comedias y ocho entremeses nuevos, nunca representados’, publicada tamén en 1615. O catedrático da USC Luis Iglesias Feijoo abrirá o 21 de abril este seminario monográfico sobre a obra cumio cervantina cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Cervantes ataca de novo: el Quijote, segunda entrega’. Preto doutros 30 relatores, entre os que figura a arqueóloga forense Almudena García Rubio, unha das investigadores que participou nas escavacións que descubriron os restos de Cervantes no madrileño convento das Trinitarias, intervirán nas distintas sesións programadas no marco deste seminario monográfico, que rematará o 23 de abril cunha homenaxe póstuma ao pintor e cervantista Juan Queralt Blanch.