Skip to main content
STG

Carme Silva inaugura este martes o XI Curso de Primavera da USC na Facultade de Humanidades

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, inaugura este martes, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades o XI Curso de Primavera da USC. Este foro de análise e debate, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, afondará na súa undécima edición no estudo e na análise da segunda parte da obra cumio de Miguel de Cervantes, ao longo de diferentes relatorios e táboas de redondas que se desenvolverán do 21 ao 23 de abril no centro universitario lugués.

A temática escollida polas profesoras Cristina Patiño e Ana Goy, coordinadoras desta nova edición do Curso de Primavera da USC, que se desenvolve baixo o título ‘IV Centenario da publicación de El Ingenioso Caballero Don Quijote de la Macha (1615-2015)’, responde á oportunidade de retomar a obra cumio de Cervantes xusto no ano no que se cumpre o cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quixote, así como da súa obra teatral ‘Ocho comedias y ocho entremeses nuevos, nunca representados’, publicada tamén en 1615. O catedrático da USC Luis Iglesias Feijoo abrirá este seminario monográfico sobre a obra cumio cervantina cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Cervantes ataca de novo: el Quijote, segunda entrega’. Preto doutros 30 relatores, entre os que figura a arqueóloga forense Almudena García Rubio, unha das investigadores que participou nas escavacións que descubriron os restos de Cervantes no madrileño convento das Trinitarias, intervirán nas distintas sesións programadas no marco deste seminario monográfico, que rematará o xoves 23 de abril cunha homenaxe póstuma ao pintor e cervantista Juan Queralt Blanch.

The contents of this page were updated on 04.20.2015.