O Premio Cervantes Antonio Gamoneda preside o tribunal dunha tese sobre a poética de Valente en Humanidades
O poeta Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e doutor honoris causa por varias universidades, participará este venres nun acto académico que se desenvolverá a partir das 11.00 horas, no salón de graos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, onde presidirá o tribunal da tese de doutoramento ‘Retrato de grupo de con figura ausente. Edición e análise da correspondencia de José Ángel Valente cos membros da súa xeración poética’.
Esta tese de doutoramento, a segunda sobre a figura e a obra de Valente que se defende na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, recolle a investigación elaborada polo poeta lugués e profesor lector na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil), Saturnino Valladares, baixo a dirección do profesor da USC e director da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente da USC, Claudio Rodríguez Fer. A visita de Gamoneda ao campus de Lugo, a onde xa fora convidado en 2003 polo propio Rodríguez Fer para disertar e recitar no encontro ‘Poetas europeos contemporáneos’, ten nesta ocasión un carácter histórico, xa que se trata da primeira vez na que Antonio Gamoneda actúa nun tribunal universitario. Esta intervención de Gamoneda prodúcese na lectura da primeira tese de doutoramento presentada no marco do programa de doutorando da USC en Humanidades e Servizos Culturais, posto en marcha no campus de Lugo baixo a coordinación do catedrático Xaquín Rodríguez Campos.