Skip to main content
STG

Espertando vocacións literarias

A Facultade de Filoloxía convoca o I Concurso literario ‘Mazarelos’

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega. Estes son os obxectivos que guían á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por vez primeira o Concurso literario ‘Mazarelos’ na busca de potenciais figuras para a literatura galega. Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta ou Antón Riveiro Coello son figuras sobranceiras que pasaron polas aulas da universidade compostelá, en cuxa facultade de Filoloxía se organizaron sempre iniciativas como certames e revistas literarias para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame recupera a tradición da facultade para descubrir e proxectar novas voces. O concurso está aberto á participación de todo o alumnado da USC, que disporá de prazo ata o 23 de setembro para presentar unha obra orixinal e escrita en lingua galega de calquera xénero literario e temática aberta. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros máis diploma, que decidirá un xurado composto por tres docentes da facultade e dous escritores/as sen relación actual co centro. O certame conta co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 05.26.2015.