Rematan os Campus Científicos de Verán
Un mes de ciencia combinada con actividades deportivas e culturais. Foron 120 os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato que participaron nos Campus Científicos de Verán que a USC organizou, como todos os anos dende hai seis, e que este venres chegan ao seu fin coa lectura de traballos que terá lugar ás 10.00 horas na Facultade de Matemáticas. En Santiago o alumnado participou nos proxectos O ‘A sustentabilidade do ciclo da auga: Un dos 21 retos do século XXI’, ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’, ‘A maxia dos hidroxeles’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ que dirixían, respectivamente, Gumersindo Feijoo Costa, Ricardo Vázquez López e Pablo Vázquez Regueiro, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar. En todos eles puideron coñecer de primeira man a experiencia científica directa e os valores, fundamentos e procesos metodolóxicos da ciencia. Pero tamén tiveron a oportunidade de conectar a vida non universitaria e a universitaria con visitas ao patrimonio histórico e cultural da USC ou a práctica deportiva e de lecer e potenciar a convivencia entre estudantes de diferentes comunidades autónomas dende a súa estancia no sistema de residencias da USC. Os Campus Científicos promóveos o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co patrocinio de Obra Social la Caixa e a colaboración de 16 universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional certificados en 2011. A experiencia permítelle ao estudantado concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura en distintas áreas, así como a súa aplicabilidade na resolución de problemas en diversos campos da investigación e da innovación.