O máster DAEN da USC comeza a súa cuarta edición na Facultade de Formación do Profesorado con 25 estudantes matriculados

O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) da USC bota a andar este venres a súa cuarta edición na Facultade Formación do Profesorado do Campus de Lugo cunha sesión inaugural na que tomaron parte como relatores o coordinador deste posgrao oficial da USC, Eugenio Otero Urtaza; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Persoal do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, e o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás.
O máster DAEN, un posgrao universitario oficial estruturado en 60 créditos ECTS e especialmente deseñado para graduados ou diplomados nos distintos títulos de educación (Mestre, Educación Social, Pedagoxía, Psicopedagoxía), pero tamén moi acaído para titulados licenciados en Bioloxía, Xeoloxía. Xeografía ou, entre outros, Ciencias da Actividade Física e Deporte, regresa á oferta académica da institución académica compostelá logo de acometer os cambios esixidos pola Xunta para garantir a continuidade da súa oferta, lembrou o profesor Otero Urtaza. O coordinador do máster subliñou a elevada demanda rexistrada por este posgrao, que tivo 55 preinscricións para 28 prazas e foi dos primeiros en pechar matrícula de toda a USC dixo. “Espero que agora se entenda ben a importancia que ten un título único en España e que se inscribe en correntes pedagóxicas punteiras en relación coa natureza que neste momento se están estendendo por todo o mundo. Razóns estas polas que este máster debería ter un especial amparo pola da Administración", sinalou Otero Urtaza. O coordinador deste máster indicou que este posgrao da USC, que xa está aceptado como membro do European Institute for Outdoor Adventure Education and Experiential Learning, vai recibir no mes de outubro a profesora Heather Prince, da universidade de Cumbria (Reino Unido) que mantén un máster moi similar ao que se desenvolve no campus lucense. Asemade, Otero Urtaza adiantou que nesta edición, varios dos estudantes do máster DAEN poderán adscribirse ao programa Landcare Land Degradation and Rehabilitation in Mediterranean Environment to Enhance Development and Young Employability e facer prácticas noutros países europeos. Unha vez rematada a sesión inaugural no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, a actividade propiamente formativa deste programa de posgrao comezou cunha charla coloquio sobre as expectativas de futuro da educación na natureza, na que interviñeron como relatores Silvia Basanta e Diego Carral. Rodríguez Lestegás, Piñeiro, Bueno e Otero, na presentaración do máster DAEN