O artista lugués Julio Díaz Gesto doa ‘Carrusel’, un acrílico sobre lenzo, á Facultade de Humanidades

O artista lugués Julio Díaz Gesto doou este xoves unha das súas obras pictóricas á Facultade de Humanidades do campus de Lugo, un agasallo co que, segundo indicou o propio Díaz Gesto, “quero amosar o meu agradecemento a este centro universItario lugués por terme cedido as súas instalacións para acubillar a mostra ‘Olladas de Lugo”, unha exposición na que este pintor recompila en diversas obras obras distintas facetas da vida da capital amurallada, nas que se mesturan lugares, celebracións, personaxes …
A vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, manifestaron a súa gratitude a Díaz Gesto pola doazón de ‘Carrusel’, un acrílico sobre lenzo que destaca pola forza das súas cores e pola referencia á vida cultural, unha temática estreitamente ligada coa Facultade de Humanidades de Lugo. O cadro doado por Díaz Gesto á Facultade de Humanidades do campus de Lugo permanece exposto na sala de xuntas do centro universitario.