Aberta a inscrición para participar na xornada Mulleres na Ciencia
A Oficina de Igualdade de Xénero da USC organiza o vindeiro 15 de decembro a xornada Mulleres na ciencia, que se desenvolverá no Salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago. Para asistir, de maneira gratuíta, é preciso inscribirse antes do día 14 ás 12.00 horas.
A xornada comezará coa conferencia ‘Perspectiva de xénero en Horizonte 2020’ a cargo da presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), Capitolina Díaz, e continuará coa mesa redonda ‘Científicas e tecnólogas: teitos de cristal e capas de invisibilidade’ na que participarán as profesoras-investigadoras Nieves Rodríguez Brisaboa, do Departamento de Computación da Universidade da Coruña (UDC); Mª Pilar Jiménez Aleixandre, de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC; Coral del Río Otero, de Economía Aplicada da UNiversidade de Vigo; e Ana Jesús López Díaz, de Enxeñaría Industrial da UDC.
Tras esta xornada aberta terá lugar a asemblea constituínte de AMIT-Galicia e inaugurarase a exposición Investigadoras na Luz e nas Tecnoloxías da Luz , que estará instalada na ETSE ata o 22 de decembro.