A mecanización agraria centra este mércores en Lalín unha sesión das xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’
A mecanización agraria centrará este mércores, día 1 de outubro, unha nova sesión das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e Ángel Castro Ramos, investigador do programa de doutoramento ‘Enxeñaría para o desenvolvemento rural’ serán os relatores encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha dirixida a estudantes de ensino secundario e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará no auditorio de Lalín.
A sesión matinal, orientada ao estudantado e ao persoal dos institutos de ensino secundario Laxeiro e Aller Ulloa, radicados na capital do Deza, desenvolverase a partir das 11.00 horas. O xornalista e director de comunicación da USC, Luís Celeiro Álvarez, será o encargado de moderar esta intervención. O auditorio de Lalín, acubillará, a partir das 20.30 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas. Este foro sobre mecanización agraria encádrase no marco das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro en Ribeira e tamén se detivo en Sarria, terá en Lalín a terceira estación dun itinerario que o levará por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.