A Facultade de Humanidades divulga a súa oferta académica a través das redes sociais cun novo vídeo de promoción

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC divulga a súa oferta académica de títulos de grao e posgrao para o próximo curso 2014-2015 cun novo vídeo de promoción, gravado pola Fundación TIC e no que se achega cumprida información sobre as particularidades académicas dos graos en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Lingua e Literatura Españolas, así como do máster en Servizos Culturais. Esta nova iniciativa de difusión posta en marcha a finais do mes de xuño polo centro universitario lugués fixo posible achegar cumprida información sobre a oferta académica do centro universitario lugués a máis de 20.000 receptores diferentes, segundo indicaron desde a propia Facultade de Humanidades, que tamén é beneficiaria das axudas á matrícula que se contemplan na campaña paraestudarlugo, promovida pola Deputación de Lugo. A decana do centro, María Isabel González Rey, sinalou que o novo vídeo de promoción da Facultade de Humanidades informa, por vez primeira, da posta en marcha da modalidade semipresencial (clases 100% en liña e sesións presenciais voluntarias) do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, unha aposta coa que o centro lugués confía en aumentar as estatísticas de nova matrícula nun título que “é moi atractivo e ofrece non poucas posibilidades de inserción laboral”, dixo. A campaña de promoción da Facultade de Humanidades está centrada nas redes sociais (Facebook, Twitter, Google+ e Youtube). O spot está realizado integramente en galego, pero todas aquelas persoas que o visualicen na canle de YouTube poderán atopar subtítulos en español e/ou galego, o que tamén facilitará a súa accesibilidade e comprensión para persoas con problemas auditivos.