Skip to main content
STG

Universidade, Concello e Deputación de Lugo presentan este xoves a programación de Lugo Cultural para 2014

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado provincial delegado da área de Cultura, Mario Outeiro, presentarán este xoves, a partir das 12.00 horas, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus lugués, un avance das actividades culturais planificadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o ano 2014.

A oferta de actividades previstas para 2014 ao abeiro do convenio Lugo Cultural, en cuxo financiamento participan USC, Concello e Deputación de Lugo, é ampla e conserva os principais sinais de identidade dunha programación lúdica e cultural aberta á participación de todos os públicos e xa consolidada na capital luguesa. A música clásica e galega, o teatro, a danza e a fotografía seguirán a ser un ano máis os piares fundamentais do Lugo Cultural, un convenio a través do que a USC, grazas ao apoio recibido das institucións locais, dá especial visibilidade ás accións de extensión universitaria no campus lugués. O novo programa do Lugo Cultural 2014, do mesmo xeito que en edicións anteriores, concederá tamén destacada relevancia ao debate das ideas e ao fomento do coñecemento a través da celebración dunha nova edición dos Cursos de Primavera da USC, un seminario cuxa organización e temática vén promovida polo profesorado da Facultade de Humanidades de Lugo.

The contents of this page were updated on 01.15.2014.