Skip to main content
STG

A profesora Victoria Otero Espinar, reelixida no consello de goberno da Sociedade Española de Matemáticas

Victoria Otero Espinar pertence á xunta de goberno da RSME dende 2011
Victoria Otero Espinar pertence á xunta de goberno da RSME dende 2011

A decana da Facultade de Matemáticas da USC, Victoria Otero Espinar, foi reelixida esta semana como membro da Xunta de Goberno da Real Sociedade Matemática Española (RSME) para os vindeiros tres anos. Otero entrou neste órgano de goberno en setembro de 2011. A RSME é unha sociedade científica fundada en 1911 cuxos cometidos son a promoción e divulgación das matemáticas e as súas aplicacións e o fomento da súa investigación e ensino en todos os niveis educativos. Ten convenios de reciprocidade con gran número de sociedades matemáticas de todo o mundo coas que colabora activamente, así como con outras sociedades científicas de España. Victoria Otero Licenciada na USC, onde tamén se doutorou, a profesora Otero Espinar completou a súa formación iniciando o seu labor investigador en prestixiosos centros de Estados Unidos e Francia. Ademais é coordinadora do Colexio de Decanos/as e Directores/as de centro da USC e dos consellos de goberno e científico do Instituto de Matemáticas da USC. No eido investigador, é membro do grupo ‘Ecuacións diferenciais non lineares’ e traballa na análise funcional, os sistemas dinámicos e os problemas de contorno en ecuacións diferenciais ordinarias. A decana participou en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de trinta artigos científicos en revistas incluídas no JCR, nos que colabora, ademais de con investigadores da USC, con especialistas internacionais como Ravi Agarwal, do Florida Institute of Technology; Hyman Bass, da Columbia University; Paul Glendinning, da Universidade de Cambridge ou con Charles Tresser do centro de investigación de IBM.

The contents of this page were updated on 10.08.2014.