Concédenlle o Nivel 3 do MECES ao Grao en Farmacia da USC

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) acaba de concederlle o nivel 3 do Marco Español de Cualificación para la Educación Superior (MECES), o que significa que este título acada o nivel de máster no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Coa fin de homologar os niveis de cualificación dos títulos universitarios no EEES establecéronse unha serie de niveis comúns aos estudos en toda Europa no que o 1 se corresponde co técnico superior, o 2 co grao, o 3 co máster e o 4 co título de doutor. Quérese facilitar así a identificación do verdadeiro nivel de cualificación dos títulos de grao e mellorar a mobilidade dos egresados e egresadas de universidades españolas no EEES e no mercado laboral internacional. Ademais, a resolución permitirá aos titulados e tituladas en Farmacia pola USC acceder aos estudos de doutoramento en Universidades europeas sen ter que realizar a etapa de máster. Precisamente este punto é o que máis valora a decana da Facultade, Isabel Sández, que se mostra moi satisfeita pola oportunidade “que se lle brinda aos nosos titulados e tituladas que pretenden continuar os seus estudos fóra de España, que non só vén recoñecido o seu esforzo ao longo da carreira senón que ademais este esforzo será equiparado ao dos universitarios europeos”.
Estas adscricións ao nivel 3 de cualificación profesional formúlanse para aqueles títulos de grao cuxo deseño de plan de estudos, ademais de ter unha duración maior á establecida con carácter xeral para estes títulos, garanta os resultados de aprendizaxe que definen o nivel de máster. A ACSUG considera deste xeito que o impartido pola Facultade de Farmacia da USC cumpre con estes requisitos.