Skip to main content
STG

O Premio Príncipe de Asturias Amable Liñán será investido doutor honoris causa pola USC

A Universidade de Santiago de Compostela investirá doutor honoris causa ao catedrático de Mecánica de Fluidos da Universidade Politécnica de Madrid e Premio Príncipe de Asturias, Amable Liñan Martínez, nunha cerimonia que estará presidida polo reitor Juan Casares Long e que terá lugar este luns 28 ás 12.30 horas no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e na que intervirá como padriño o catedrático de matemática Aplicada Alfredo Bermúdez de Castro . Príncipe de Asturias e membro da Real Academia Amable Liñan Martínez naceu en 1934 en Noceda (León). Estudou en Astorga e León e en 1960 gradúase na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos (ETSIA) da Universidade Politécnica de Madrid. Completou os seus estudos no Instituto de Tecnoloxía de California e en 1966 obtén o título de doutor enxeñeiro Aeronáutico pola ETSIA. En 1961 comeza o seu labor docente na Politécnica de Madrid exercendo tamén como profesor visitante nas universidades de California, Michigan, Marsella, Princeton, Pierre et Marie Curie de París e Standford, entre outras. Dende 1997 é profesor adxunto de Yale. A súa vinculación coa Universidade de Santiago iníciase en 1987 onde desenvolveu varios proxectos de investigación. Considerado unha autoridade mundial no eido da combustión, Amable Liñán é autor de máis de 200 publicacións e ten participado en máis de 300 congresos. Os seus traballos de aplicación das matemáticas aos problemas da combustión foron pioneiros no mundo. En 1989 foi elixido membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Tamén é membro da Real Academia de Enxeñería de España, Francia e México. En 1993 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica polos seus estudos en termoquímica de fluídos, e conta con numerosos recoñecementos pola seu labor científico.

The contents of this page were updated on 04.25.2014.