Skip to main content
STG

Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco reciben o ‘Galicia Mártir’ polo seu traballo a prol da recuperación da memoria histórica

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer
Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

Os escritores Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco veñen de ser galardoados co Premio Galicia Mártir da Fundación Alexandre Bóveda polo seu traballo a prol da recuperación da memoria histórica. Os profesores da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo recibiron esta distinción o pasado 17 de agosto, data na que se conmemora o fusilamento do histórico galeguista, no marco dun acto celebrado en Poio e que estivo presidido por Amalia Bóveda Álvarez e Valentín e Raquel García Bóveda, filla e netos de Alexandre Bóveda.

En anos anteriores recibiron o Premio Galicia Mártir da Fundación Alexandre Bóveda descendentes de persoas represaliadas, tales como Isaac Díaz Pardo, Mariví Villaverde, Teresa Alvajar, galeguistas históricos, como Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Avelino Pousa Antelo, historiadores da memoria (Dionisio Pereira, Xusto Beramendi, Xosé Álvarez Castro, Proxecto Nomes e Voces) e artistas especialmente comprometidos con ela, como é o caso de Mini e Mero. Carmen Blanco é escritora, estudosa da problemática da muller e profesora de Literatura Galega da Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Autora de estudos sobre memoria histórica, particularmente da muller, tratou este tema dende a perspectiva feminina nas súas obras narrativas ‘ Vermella con lobos’ e ‘Atracción total’, na súa obra poética ‘Un mundo de mulleres’ e na súa obra ensaística ‘Alba de mulleres’. Foi membro do Consello da Memoria e promotora, xunto con Claudio Rodríguez Fer, da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo en Lugo. Claudio Rodríguez Fer é escritor, profesor da Facultade de Humanidades e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela. Fixo a primeira tese doutoral sobre A literatura galega durante a guerra civil e publicou libros sobre vítimas da contenda, ademais de dedicar tres obras poéticas á memoria histórica galega: ‘Lugo blues’, ‘A loita continúa’ e ‘Ámote vermella’. É Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes e Presidente de Honra da Asociación Memoria do Exilio dos Republicanos en Brest. Respecto ao significado deste recoñecemento, Carmen Blanco afirma sentir “gratitude por personalizar nun home e nunha muller o traballo activo de tantas persoas diversas a favor da memoria da liberdade e da dignificación das numerosas e diversas vítimas da barbarie da guerra, como o propio Alexandre Bóveda, a súa familia e xentes próximas a el nos distintos ámbitos”.

The contents of this page were updated on 09.01.2014.