Skip to main content
STG

Aberta a preinscrición dun obradoiro para mellorar o discurso oral nun nivel formal en galego

O alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado cun nivel de Celga 4 ou equivalente é o destinatario dun obradoiro que o Servizo de Normalización Lingüística organiza en outubro para mellorar o discurso oral nun nivel formal en galego. Desenvolverase na Facultade de Filoloxía do 13 ao 30 de outubro, de luns a xoves en horario de 17.00 a 19.00 horas, cunha carga lectiva de 25 horas e para o que está solicitado o recoñecemento de un crédito ECTS. O contido achegará ás persoas que o cursen habilidades sociais e comunicativas (para combater o medo a falar en público, dominar a linguaxe non verbal ou a asertividade), competencias discursivas orais (prestando atención a argumentación ou á necesidade de comprender os conceptos de adecuación, coherencia e cohesión aplicados á oralidade) e competencias lingüísticas orais (utilización das vogais, consoantes características, encontros vocálicos, prosodia ou melodía en galego). A preinscrición xa se pode formalizar ata o 5 de outubro na secretaría virtual. As 22 prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición dando preferencia, por esta orde, ao alumnado de Filoloxía, ao doutras titulacións da USC e persoal docente e investigador e de administración e servizos da Facultade de Filoloxía. A matrícula ten un custe de 30 euros que será preciso aboar como máis tardar ata o día 9 de outubro.

The contents of this page were updated on 09.15.2014.