Skip to main content
STG
Research Infrastructures Area Regulations.

Exposición de motivos

O presente regulamento desenvolve a organización e funcionamento da Área de Infraestruturas de Investigación, co fin de optimizar o funcionamento das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da investigación, así ́ como incrementar e mellorar as prestacións e rendibilidades dos investimentos feitos na adquisición de grandes equipamentos, mediante a racionalización do seu réxime de explotación. sí mesmo preténdese dar cabida na Área de Infraestruturas de Investigación a novas formas de apoio á investigación a través da incorporación de coñecementos, tecnoloxías ou instrumentación de grupos de investigación da USC na forma de Plataformas Científico-Tecnolóxicas. Para a consecución destes obxectivos, a USC velará porque a Área de Infraestruturas de Investigación dispoña dun instrumental e dunha dotación de persoal técnico cualificado axeitados. O funcionamento da Área de Infraestruturas de Investigación rexerase polas normas recollidas neste Regulamento e máis por todos aqueles preceptos emanados do

Consello de Goberno da USC que lle sexan de aplicación.

TÍTULO I. Natureza, Obxectivos e Finalidade.

Artigo 1

A Área de Infraestruturas de Investigación é a estrutura organizativa que integra as infraestruturas instrumentais de uso común que prestan servizos de apoio á investigación da USC. O obxectivo da Área de Infraestruturas de Investigación e darlle unha maior unidade e operatividade aos recursos de apoio á investigación cos que conta a USC.

Son funcións da Área de Infraestruturas de Investigación:

  1. Dar soporte á investigación dos diferentes investigadores, grupos de investigación, departamentos, facultades, escolas, institutos, centros e servizos da USC, así como tamén a outros centros públicos ou entidades privadas, no marco de convenios, concertos ou acordos que a USC estableza.
  2. Desenvolver a investigación metodolóxica propia das técnicas experimentais necesarias para mellorar e ampliar as prestacións, de acordo coas directrices de política científica da USC.
  3. Asesorar á comunidade universitaria en todo o que faga referencia ao seu ámbito de actuación, así como difundir os seus servizos.
  4. A formación dos investigadores da USC nas técnicas implantadas nas unidades co fin de que poidan aproveitar ao máximo o potencial das infraestruturas dispoñibles.
  5. A divulgación científica.

TÍTULO II. Estrutura e Xestión.

Artigo 2

  1. A Área  de  Infraestruturas  de  Investigación  estará  adscrita  a  Vicerreitoría  con  competencias  en Investigación da USC.
  2. A Área de Infraestruturas de Investigación estará estruturada en unidades e plataformas científico-tecnolóxicas.
  3. As unidades son estruturas que reúnen equipamento científico-tecnolóxico e persoal altamente especializado co obxectivo de dar servizo aos investigadores da USC e a outros investigadores de entidades públicas ou privadas que o soliciten, así coma de desenvolver novas tecnoloxías ligadas á temática da unidade.
  4. As plataformas científico-tecnolóxicas son estruturas que xorden do coñecemento e experiencia dun ou varios grupos de investigación co fin de articular unha dobre función de prestación de servizos, en areas diferentes e complementarias das unidades da Área, e de desenvolvemento tecnolóxico ou investigación propiamente dita ligados a estes. As plataformas crearanse naqueles casos nos que os grupos dispoñan de coñecementos, tecnoloxía ou instrumentación que, engadidos aos dispoñibles na Área, permitan mellorar de maneira considerable o alcance do servizo correspondente, ou nos casos nos que permitan satisfacer demandas de servizos non abordables coas capacidades existentes na Área. O modelo de funcionamento das plataformas científico-tecnolóxicas no marco da Área será definido especificamente para cada plataforma de acordo coas súas características pero en tódolos casos se baseará nunha achega conxunta de recursos por parte da Área e do grupo de investigación impulsor da plataforma.
  5. As unidades e plataformas científico-tecnolóxicas serán creadas, modificadas ou suprimidas por acordo do Consello de Goberno nas propostas de creación, presentarase a estrutura de xestión, organización e financiamento das plataformas e unidades.

Artigo 3

A Área de Infraestruturas de investigación contará con,

  • Unha dirección científica da Área de Infraestruturas de Investigación.
  • As unidades adscritas á Área de Infraestruturas de Investigación.
  • Unha Comisión de usuarios
  • As plataformas científico-tecnolóxicas

Artigo 4

O cargo de director/a científico/a da Área de Infraestruturas de Investigación será desempeñado por persoal da comunidade universitaria que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3.1 do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos a responsables académicos na Universidade de Santiago de Compostela con actividade recoñecida no ámbito da investigación.

As funcións do director/a científico/a da Área de Infraestruturas de Investigación serán as seguintes:

  1. A  coordinación   das   infraestruturas científicas da Universidade en materia de investigación e transferencia tecnolóxica, velando pola súa adaptación á evolución das liñas de investigación.
  2. O apoio na formulación de políticas de equipamento científico e tecnolóxico da USC.
  3. Promover a extensión da oferta de servizos especializados ao exterior de forma que outras institucións relacionadas coa investigación, as empresas e cidadanía se poidan beneficiar da tecnoloxía actualizada.
  4. Fomentar a colaboración propoñendo acordos e convenios con outros centros de apoio á investigación, así como con outras entidades que realicen actividades investigadoras.
  5. Outras funcións que no seu ámbito material lle sexan encomendadas.

Artigo 5

As unidades de investigación adscritas á Área de Infraestruturas de Investigación contarán cuns responsables das unidades cuxas funcións son:

  1. Velar polo óptimo funcionamento do equipamento adscrito ás súas unidades de investigación.
  2. Promover a mellora e actualización continua dos servizos que ofertan á comunidade investigadora.
  3. Establecer co persoal técnico adscrito a súa unidade os procedementos de seguridade, formación e funcionamento.
  4. Outras funcións que no seu ámbito de actuación lle correspondan.

Artigo 6

O órgano de asesoramento da Área de Infraestruturas de Investigación é a Comisión de usuarios que estará formada polos principais usuarios das instalacións da Área e os/as responsables das diferentes Unidades que a integran, e que terán o obxectivo de propor melloras e novas infraestruturas.

Artigo 7

As plataformas científico-tecnolóxicas agrupan a persoal investigador, empresas e outras entidades interesadas nun determinado ámbito tecnolóxico, co obxectivo de fomentar a I+D+i nesa área. As plataformas rexeranse polo seu regulamento específico.

TÍTULO III. Do Réxime Económico.

Artigo 8

A dotación económica da Área de Infraestruturas de Investigación e as súas unidades estará consignada no Orzamento Xeral da USC.

Artigo 9

O financiamento da área provirá fundamentalmente dos prezos que se establezan pola utilización dos seus servizos, así como fondos provenientes de prestacións reguladas por contratos ou convenios debidamente formalizados polas autoridades correspondentes da Universidade.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA.

Queda derrogado o Regulamento da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) aprobado no Consello de Goberno do 22 de xullo de 2009.

DISPOSICIÓN FINAL.

Única

Este Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro electrónico da USC.

The contents of this page were updated on 06.20.2024.