O IV Ciclo Universitario é unha oferta educativa da Universidade específica para estudantado maior de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, para dar resposta á crecente necesidade de formación que existe en Galicia entre persoas de idade avanzada. O programa comezou a impartirse no curso 1997-98 e desde aquela foi aumentando exponencialmente a súa matrícula ata chegar hoxe aos milleiros de estudantes. A día de hoxe, IV Ciclo conta con seis programas distintos: Diploma Senior, Diploma Excelsior, programa de seminarios, Destacando na Ciencia, Democratización do Coñecemento e IV Ciclo itinerante.
Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. En cada curso haberá que superar un mínimo de catro materias optativas, das consideradas materias permanentes no plano de estudos, e tamén poderán cursarse até tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. As persoas diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsior en IV Ciclo.