Skip to main content
STG

A Facultade de Humanidades de Lugo elabora un vídeo para a dar a coñecer as súas titulacións

Claudio Rodríguez Fer, profesor na Facultade de Humanidades, foi un dos entrevistados para a elaboración do vídeo promocional deste centro do Campus de Lugo
Claudio Rodríguez Fer, profesor na Facultade de Humanidades, foi un dos entrevistados para a elaboración do vídeo promocional deste centro do Campus de Lugo
Na rodaxe participan alumnos, profesores e especialistas en diversos ámbitos da difusión e a xestión cultural

O mércores 23 durante todo o día levouse a cabo a rodaxe das entrevistas para a elaboración dun vídeo promocional da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. A gravación, que realizaron os técnicos do Servizo de Medios Audiovisuais da USC (Servimav), ten como obxectivo mostrar o valor engadido e as vantaxes de estudar as titulacións que se imparten neste centro (Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Grao en Lingua e Literatura Españolas e Máster de Servizos Culturais), así como informar sobre as saídas laborais que proporcionan cada unha delas. No vídeo participan alumnos actuais do centro e outros que xa remataron os seus estudos, docentes da Facultade (Claudio Rodríguez Fer, Gonzalo Fernández Suárez, JoDee Anderson) e especialistas en diversos ámbitos da difusión e a xestión cultural: a técnica do Arquivo Histórico Provincial Dolores Pereira; a técnica do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial Margarita López; o director do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, Felipe Arias; e a escritora Marica Campos. A peza terá unha duración aproximada de cinco minutos e estará rematada cara a mediados do mes de xuño. A idea é adaptar a gravación aos diferentes formatos que permitan a súa difusión, entre outros espazos, na páxina web da facultade, nas redes sociais, nos medios de comunicación, así como nos centros de secundaria.

The contents of this page were updated on 05.23.2012.