Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

STG

RENFE ofrece descontos nos seus traxectos de media distancia aos estudantes Erasmus e de Iberoamérica

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o xerente da Dirección de Media Distancia Convencional de RENFE para o Noroeste, Carlos de Abajo, asinaron en San Xerome un convenio de colaboración para ofrecerlle vantaxes no transporte en tren aos estudantes Erasmus e de Iberoamérica matriculados na USC.
Deste xeito, a estes estudantes facilitaráselles unha tarxeta gratuíta de mobilidade estudantil coa que se lles aplicará un desconto do 20% nos traxectos por Galicia nos trens de RENFE Operadora Media Distancia así como nalgúns que teñan a súa orixe ou destino nalgún punto da xeografía galega, como pode ser León.
Destas vantaxes beneficiaranse preto de mil douscentos estudantes matriculados na USC, nos campus de Santiago e Lugo, que poderán así visitar todos os lugares de Galicia cunha rebaixa importante no prezo.
Ao acto de sinatura asistiron os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Lourenzo Fernández e José M. Mayán, respectivamente, así como o xefe comercial da Dirección de Media Distancia Convencional de RENFE para o Noroeste, Ángel Meilán Parga.

The contents of this page were updated on 03.15.2007.