Neo GIANT
Neo GIANT
NeoGiANT (The power of grape extracts: antimicrobial and antioxidant properties to prevent the use of antibiotics in farmed animals) é unha acción innovadora (IA) do H2020 da UE liderada pola Universidade de Santiago de Compostela e coordinada pola Catedrática de Química Analítica da Facultade de Química, Marta Lores Aguín. O equipo USC está formado tamén por Carmen García Jares de Química Analítica, Trini De Miguel e Sandra Sánchez de Microbioloxía e Patricia Díaz de Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia e Rober Bermúdez e Maribel Quiroga de Veterinaria (campus de Lugo).
O obxectivo de NeoGiANT é desenvolver un conxunto de novos produtos (alimentos para animais, produtos profilácticos e dilúentes de esperma) baseados en extractos naturais para diminuír o uso de antibióticos na cría de animais e substituír os conservantes sintéticos. Estes novos produtos levarán como ingrediente activo un extracto de bagazo de uva blanca (e-Vitis), obtido de Vitis vinifera, concretamente da variedade Albariño, mediante unha técnica de extracción sostible e patentada.
A proposta basease na valorización de residuos da industria vitivinícola (co-produtos) procedentes da produción de viños blancos de alta calidade, que conservan, tras o proceso de vinificación, unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva. Co fin de obter un extracto multicompoñente listo para o seu uso dun modo eficiente e “verde”, aplícase unha metodoloxía alternativa á extracción convencional que é, ademais, facilmente escalable; para obter ingredientes funcionais en sistemas de produción sostibles que contribúen a implementar accións de economía circular no sector do viño.
As excelentes propiedades do extracto natural, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño, proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas. Os produtos que se desenvolvan estarán deseñados para controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería (bovina, porcina e avícola) como en acuicultura; pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías.
O proxecto, financiado con mais de 8,3 millóns de euros nun horizonte temporal de 4 anos, será levado a cabo por un consorcio coordinado pola Dra. Marta Lores e formado por 20 socios de 9 países (ES, UK, PL, CZ, HU, DE, PT, BE y AR): 4 institucións de educación superior (Universidades de Santiago de Compostela, Porto, Berlín e Bohemia do Sur na Rep. Checa), 5 organismos de investigación (MRI, IBPRS, VRI, NAIK y CONICET), 8 empresas -5 PyMEs (iGrape, Contactica, Anitom, LifeBioEncapsulation, Bianor Biotech) e 3 grandes empresas (CZ Vaccines, Magapor y Nutrition Science)- así como a Asociación Agraria de Xóvenes Agricultores (ASAJA) e a Asociación Española de Normalización (UNE). O obxectivo último é reducir a aparición de novas resistencias antimicrobianas (AMR) e controlar mellor as resistencias antimicrobianas existentes no eido da cría e reprodución de animais destinados ao consumo humano.