Coñecen na EPSE as investigacións máis punteiras no ámbito dos drons de Galicia e Norte de Portugal
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo reuniu este xoves estudantes, profesionais e persoas interesadas nas tecnoloxías emerxentes do sector aeronáutico. Foi nunha xornada de formación centrada nas últimas aplicacións tecnolóxicas dos drons levadas a cabo polas universidades e centros tecnolóxicos na que se presentaron as investigacións máis punteiras de Galicia e Norte de Portugal.
En concreto, tratáronse catro áreas clave do sector: pilotaxe de drons para redes de comunicacións mediante sistemas de apuntamento, aplicacións en monitorización aérea, técnicas de aterraxe en plataformas flotantes e big data aeroespacial.
Na xornada participaron Marta López Alonso, directora comisaria de iTerra; Mariluz Gil, coordinadora pola USC do proxecto AEROGANP; Humberto Michinel, IP de AERORGANP; Humberto Michinel, da UVigo; Anne Gosset, da UDC; Enrique Ventas, do Centro Tecnolóxico Nacional; Alexandre Oliveira, do Centro de Robótica e Sistemas Autónomos de Portugal; Roberto Iglesias, da USC; e Gustavo Dias, da Universidade do Minho (Portugal).