Ir o contido principal
STG

BOUSC 1 | Ano I | 20 de Novembro de 2025

I. Disposicións xerais

Acordo do 24 de outubro de 2025, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se modifica o Regulamento de Estudos Propios da Universidade de Santiago de Compostela

Segundo o disposto no art. 24 do Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno o 30 de marzo de 2023, a fixación dos prezos públicos dos cursos propios corresponde ao Consello Social, a instancia do Consello de Goberno, quen debe fixar o prezo mínimo e máximo por crédito nos cursos propios, prezo por crédito que “servirá de referencia á dirección do curso para fixar o prezo de matrícula, sen prexuízo das competencias do Consello Social”. Engade o parágrafo 3 deste art. 24 do Regulamento que “Así mesmo, o Consello Social, a instancia do Consello de Goberno, aprobará, entre outras, as tarifas de expedición de títulos, diplomas e certificados, recoñecemento dos títulos e diplomas, así como as do seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC”.

Os actuais prezos públicos de matrícula foron aprobados polo Pleno do Consello Social na súa sesión ordinaria de 30 de maio de 2022, previo acordo do Consello de Goberno de 28 de abril de 2022, establecendo os seguintes límites: “O prezo mínimo por crédito en estudos propios é de 20 euros e o prezo máximo por crédito de 100 euros. Nos cursos de formación específica non será de aplicación o prezo mínimo por crédito fixado para os estudos propios”.

A Universidade de Santiago de Compostela asinou o Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o desenvolvemento e execución de microcredenciais, no marco do compoñente 21, investimento 6 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, de 2 de maio de 2025 (Convenio de Colaboración), que se enmarca nos obxectivos do chamado Plan Microcreds publicado polo Ministerio de Universidades.

Na súa execución, a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización publicou o 15 de setembro de 2025 a Convocatoria para a presentación de propostas de creación de microcredenciais subvencionadas para cursos propios da Universidade de Santiago de Compostela (Convocatoria para a creación de microcredenciais subvencionadas).

No Convenio de colaboración establécense previsións respecto dos importes máximos e mínimo do prezo público de matrícula nas microcredenciais subvencionadas, indicando que o mesmo non poderá ser inferior ao 30% dos custos directos de produción e impartición, nin tampouco superar os custos de produción e impartición, que se estiman en 94 euros por estudante e crédito ECTS.

Tamén en relación aos prezos públicos de matrícula, a Cláusula Terceira, punto 1 e) do Convenio de colaboración sinala como requisito das actuacións financiables que “Para o 25% do alumnado a matrícula poderá ser gratuíta ou ter un custe inferior, de acordo con criterios de necesidade económica e social do alumnado”. O actual Regulamento de Estudos Propios non regula o establecemento de bolsas ou axudas para as microcredenciais universitarias.

A aprobación destas axudas mediante unha exención total ou parcial do pagamento do prezo público de matrícula non ten coste económico para a Universidade de Santiago de Compostela, ao estar incluídos no Convenio de colaboración como obxecto de financiamento “os custes asociados ás bolsas e axudas do importe das matrículas dos destinatarios das microcredenciais que teñan rendas baixas, a condición de desempregados e/ou persoas en risco de exclusión social” (Cláusula Sétima, punto 2.4), destinando para o financiamento de axudas ao acceso ás microcredenciais a contía de 45.273,05 euros, que se distribúen nas anualidades 2025 e 2026.

Ademais, aclárase o tratamento dos seguros obrigatorios que debe abonar o estudantado que cursa estudos nas modalidades presencial ou híbrida para o caso de que sexan financiados con fondos derivados desta convocatoria.

Finalmente, no Convenio de colaboración esíxese a emisión dos certificados das microcredenciais en formato dixital. Nin o Regulamento de Estudos Propios nin a normativa específica das microcredenciais universitarias regula as tarifas aplicables aos certificados dixitais, téndose considerado oportuno que no marco desta Convocatoria estes se expidan de xeito gratuíto, manténdose a esixencia das taxas xerais para os certificados emitidos noutros formatos.

Todas as previsións expostas serán de aplicación exclusivamente para os supostos de microcredenciais universitarias que se acollan á Convocatoria para a creación de microcredenciais subvencionadas, sen afectar en ningún caso aos acordos respecto a regulación xeral dos prezos públicos dos estudios propios da USC nin, en particular, das microcredenciais universitarias que se oferten á marxe da convocatoria amparada polo Plan Microcreds.

Por todo o anterior proponse ao Consello de Goberno engadir unha Disposición Adicional no Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela.

Único. Engádese unha Disposición adicional única ao Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela, coa seguinte redacción:
Disposición Adicional Única. Prezos públicos e outras tarifas das microcredenciais desenvolvidas ao abeiro da Convocatoria para a presentación de propostas de creación de microcredenciais.

1. As seguintes previsións establécense con carácter transitorio, unicamente respecto das microcredenciais desenvolvidas ao abeiro da Convocatoria para a presentación de propostas de creación de microcredenciais publicada o 15 de setembro de 2025 pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, denominadas nesta disposición microcredenciais universitarias subvencionadas. Perderán a súa vixencia o 31 de maio de 2026 ou cando se esgoten os fondos que financian a convocatoria.

2. O prezo público de matrícula das microcredenciais universitarias subvencionadas non será inferior ao 30% dos custos directos de produción e impartición da microcredencial nin superará 94 euros por estudante e crédito ECTS. Non serán de aplicación as regras previstas no art. 24.4 do Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela.

3. Establécese a exención total ou parcial no pagamento do prezo público de matrícula a favor dun máximo do 25% das persoas matriculadas nas microcredenciais universitarias subvencionadas, por estrita orde de presentación da solicitude da axuda, ata esgotar os fondos ou ata o 31 de maio de 2026. A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización establecerá o procedemento que se debe seguir para a súa solicitude e tramitación.

4. Poden ser beneficiarios da exención total do pagamento dos prezos públicos as persoas nas que concorra unha destas circunstancias:

a. Persoas desempregadas

b. Persoas coa condición de membros dunha familia numerosa

c. Persoas con discapacidade.

d. Persoas vítimas do terrorismo.

e. Mulleres vítimas de violencia de xénero.

f. Persoas vítimas de violencia sexual.

g. Persoas beneficiarias da prestación por Ingreso Mínimo Vital ou prestación equivalente dunha Comunidade autónoma.

h. Persoas refuxiadas.

5. Poden ser beneficiarias da exención total ou parcial, segundo proceda, do pagamento dos prezos públicos as persoas con rendas baixas, definidas como aquelas que se atopen por debaixo dos limiares de renda 1 a 3 establecidos no Real Decreto 163/2025, do 4 de marzo, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso académico 2025-2026, e se modifica parcialmente o Real Decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o sistema de bolsas e axudas ao estudo personalizadas.

A exención aplicable será:

-100% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 1 de renda.

-50% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 2 de renda.

-25% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 3 de renda.

6. Cando o importe do seguro obrigatorio sexa financiado como parte dos custos directos de produción e impartición das microcredenciais universitarias subvencionadas non se repercutirá en ningún caso este concepto ao estudantado que formalice a súa matrícula.

7. A expedición do certificado dixital que acredite ter obtido unha microcredencial universitaria subvencionada será gratuíta. O estudantado que solicite a expedición doutro tipo de certificación deberá abonar a tarifa ordinaria establecida para eses efectos.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Publicado no taboleiro electrónico da USC con data do 29/10/2025 CSV: 0CA8-31F8-49AF-BCB5