Ir o contido principal
STG

O Goberno da Universidade

O sistema de goberno da Universidade fundaméntase en tres compoñentes: a representación da comunidade universitaria a través do Claustro, a participación social na Universidade a través do Consello Social e a creación dun órgano ordinario de goberno: a Xunta de Goberno.

A Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) fixa os principais órganos, colectivos e unipersoais, de goberno e dirección e as súas competencias básicas, que cada universidade desenvolve a través duns Estatutos propios.

Delegados/as do Reitor

Delegado para Transferencia do Coñecemento

Luis Otero González é profesor titular do departamento de Economía Financeira e Contabilidade. A súa investigación nos últimos dez anos centrouse principalmente no estudo da xestión e o desempeño do risco financeiro en diferentes áreas, especificamente, en fondos de inversión, banca, seguros e turismo. Dende o ano 2014, lidera o grupo ‘Valoración financeira aplicada’. Dirixiu 11 teses de doutoramento e durante máis de dúas décadas foi o responsable do mestrado en Banca, Finanzas e Seguros da USC. Tamén ten desenvolvido unha intensa actividade de transferencia con máis de 45 contratos con empresas e institucións. Otero González ten publicado máis de medio cento de artigos en revistas indexadas en JCR ou SJR.

Delegada para Racionalización e Calidade Normativa

Diana Santiago Iglesias é profesora titular da área de Dereito Administrativo. As súas liñas de investigación abranguen o dereito local, servizos públicos, contratación administrativa, e organización administrativa. Ten realizado diversas estancias en centros de referencia internacional e participou de forma ininterrompida, dende o comezo da súa carreira académica, en proxectos de investigación financiados a través de convocatorias públicas en réxime de concorrencia, tanto como investigadora principal como membro do equipo de investigación. Así, foi investigadora principal do proxecto ‘Instrumentos xurídicos para a loita contra a despoboación no ámbito rural’. É autora dos libros Las sociedades de economía mixta como forma de gestión de los servicios públicos locales e La jurisprudencia y su función en el ordenamiento jurídico administrativo. Elaborou múltiples artigos e capítulos de libro, tanto en España como no estranxeiro, publicados en revistas de impacto e editoriais de prestixio internacional.

Delegada para a Igualdade

Sonia Esperanza Rodríguez Boente é profesora titular da Área de Filosofía do Dereito. Xa no ano 2000 desfrutou dunha bolsa concedida pola Xunta de Galicia para a realización dun estudo de investigación sobre a discriminación da muller no ámbito laboral (discriminacións salariais, nas condicións de traballo, acoso sexual, etc.). Son dúas as liñas de investigación que ten desenvolvido dende que, no ano 2002 , acadou o título de doutora pola USC. A primeira delas céntrase na interpretación e aplicación do Dereito e ten como obxectivo a análise da actividade xudicial, a denuncia dos seus fallos e a proposta de melloras. A segunda abrangue o estudo dos dereitos fundamentais e liberdades públicas sendo a que recolle as súas achegas en materia de igualdade home muller (estudos xurisprudencias, conciliación...) e de atención ás vítimas de violencia de xénero (a proba nestes supostos e os nesgos que existen na función xudicial sobre estas vítimas). Foi a investigadora principal dun proxecto, financiado pola USC e desenvolvido no ano 2023, que deu como froito a elaboración dun Protocolo de atención ás vítimas de violencias sexuais no ámbito da USC. Dirixiu a tese, recentemente defendida por Carla Romero Álvarez, e  titulada “O xénero no dereito: concepto, xustificación e aplicacións”.

Delegado para o Deporte

Javier Rico é profesor na Facultade de Ciencias da Educación. A súa liña de investigación desenvólvese en torno á educación física e á actividade física no contexto escolar, así como en torno á actividade física e a saúde, xerando publicacións en revistas especializadas, capítulos de libros e comunicacións en congresos nacionais e internacionais, así como accións de divulgación sobre o traballo desenvolvido. Forma parte do grupo de investigación ESCULCA da USC. Durante a pandemia da COVID-19, foi o coordinador do proceso de elaboración e implementación dos protocolos FISICOVID-DXTGALEGO da Secretaría Xeral para o Deporte para darlle continuidade á práctica deportiva nos anos 2020 e 2021.

Delegada para o Campus Terra

Mª Elvira López Mosquera é profesora titular na Escola Politécnica Superior de Enxeñería dende 1991. En materia de xestión académica, foi coordinadora do Mestrado Oficial Interuniversitario USC-Agrocampus Ouest ‘Industria e Economía Leiteira/Industrie et Econmie Letière’ (2007-2011), directora do Instituto de Investigación Agraria e Desenvolvemento Rural (2011-2015), adxunta ao Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo en Investigación, Transferencia e Innovación (2018-2022) e directora científica da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (dende xullo de 2019). Como investigadora pertence ao grupo Agronomía e ciencia animal, do que foi coordinadora de 1999 a 2014. A súa principal liña de investigación é a xestión de residuos e subproductos orgánicos xerados en explotacións agrogandeiras e industrias de transformación, así como a súa valorización como fertilizantes, emendas, substratos e bioestimulantes. Nos últimos dez anos, obtivo financiamento competitivo para I+D+i, participando en doce proxectos de investigación, sendo investigadora principal en seis deles. Dirixiu tres teses doutorais e publicou 50 artigos científicos e capítulos de libro.

Adxuntos/as

Organigrama

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2024.