Ir o contido principal
STG

Másteres

Os másteres teñen como finalidade a adquisición por parte do estudantado dunha formación avanzada, de carácter especializado ou multidisciplinar, quer orientada á especialización académica ou profesional, quer para iniciarse en labores de investigación.

A oferta académica da USC inclúe 68 másteres: 11 na área de coñecemento de Artes e Humanidades, 12 na de Ciencias, outros 12 na de Ciencias da Saúde, 23 na de Ciencias Sociais e Xurídicas e 10 na de Enxeñaría e Arquitectura. A meirande parte das titulacións de máster teñen unha duración dun ano ou 60 ECTS.

Para acceder aos ensinos oficiais de máster é necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado do Espazo Europeo de Educación Superior que faculte para o acceso a ensinos de máster.

 

Así mesmo, poderán acceder persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior sen necesidade da homologación dos seus títulos, previa comprobación por parte da Universidade de que se acredita un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinos de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento a outros efectos que o de cursar os ensinos de máster.