Skip to main content
STG

Recoñecemento á traxectoria da profesora Eva Yebra Pimentel no 60 aniversario do Colexio Nacional de Ópticos Optometristas

Eva Yebra-Pimentel recollendo a medalla. Foto: Colexio de Ópticos-Optometristas
Eva Yebra-Pimentel recollendo a medalla. Foto: Colexio de Ópticos-Optometristas
A catedrática de Optometría da USC foi distinguida coa Medalla de Honra
Santiago de Compostela

Con motivo do seu 60 aniversario, o Colexio Nacional de Ópticos Optometristas outorgou as súas Medallas de Honra ás persoas e institucións que teñen contribuído de maneira decisiva ao avance da óptica e a optometría no Estado. Na edición de 2025, recibiu esta distinción a catedrática da área de Optometría da USC Eva Yebra‑Pimentel Vilar, en recoñecemento ao seu compromiso coa excelencia académica, o desenvolvemento científico e a consolidación da óptica-optometría como disciplina esencial para a saúde visual.

Catedrática en Optometría e Contactoloxía na USC, Yebra-Pimentel foi directora da Escola de Óptica e Optometría da USC (2001-2010), asumindo un papel clave na modernización da formación nesta área. A súa actividade investigadora é amplamente recoñecida: lidera o grupo GI 2092 Optometría da USC, asociado clínico do IDIS (AC24 – Optometría), ten máis de 100 publicacións científicas, un índice h de 23 e conta con 5 sexenios de investigación acreditados pola CNEAI no ámbito das Ciencias Biomédicas, o que evidencia o seu impacto sostido no avance da investigación en saúde visual e tecnoloxías aplicadas á optometría.

Ademais do seu labor investigador, destaca polo seu forte compromiso coa formación das novas xeracións, como directora de tese no Programa de Doutoramento en Medicina Molecular e como directora do Servizo de Optometría da USC, contribuíndo á transferencia de coñecemento e á mellora da práctica asistencial.

A Medalla outorgada polo Colexio Nacional de Ópticos Optometristas recoñece así unha carreira marcada pola dedicación, a innovación constante e o traballo incansable ao servizo da comunidade universitaria, profesional e científica. “O seu labor constitúe un exemplo para o estudantado e para o conxunto do sector, reforzando o papel da USC como institución de referencia no ámbito da saúde visual”, manifestan dende a dirección do centro.

The contents of this page were updated on 01.23.2026.