Pasar al contenido principal
STG

Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente

14.11.2024 | 09.30h
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite

A segunda Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada polas tres universidades públicas galegas, conformará un punto de encontro entre profesorado de educación superior de toda a comunidade para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos. A II Xornada, que mantén como lema ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, abriu xa o prazo de inscrición ata o 8 de outubro nas súas dúas modalidades de participación: presencial e virtual.

A xornada presencial, na que pode participar calquera persoa interesada, desenvolverase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o vindeiro 14 de novembro, estando prevista a inauguración institucional para as 9.30 horas. Ademais, o PDI das tres universidades poderá participar tamén na modalidade virtual, mediante a presentación de pósteres na plataforma UDCAberta. Desta volta hai tres premios, un por cada liña temática, para os mellores pósteres segundo unha comisión avaliadora.

A conferencia plenaria correrá a cargo do profesor Senén Barro e versará sobre a intelixencia artificial na docencia. A continuación, desenvolveranse un debate sobre  ‘Avaliación para a mellora continua na docencia’ guiado polo profesor da UDC José Antonio García Naya no que participarán o presidente da CGIACA da ACSUG, Santos Rego; o profesor da USC Fernando Fraga Varela, e persoal técnico da Área de Calidade da UVigo.  A seguir, expoñeranse as comunicacións correspondentes aos tres pósteres gañadores dos premios.

Xa en quenda de tarde poderanse coñecer experiencias de innovación docente ligadas á introdución da perspectiva de xénero na docencia -a cargo de Milena Villar-, ao deseño de materiais audiovisuais para o ensino da Física, etc. A xornada concluirá coa entrega de premios aos tres pósteres máis votados.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2024.