Investigadores de dez universidades abordarán do 21 ao 23 de xullo en Humanidades a transformación de Hispania con Augusto

O coloquio internacional ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do noroeste de Hispania’, citará na facultade de Humanidades do campus de Lugo 17 investigadores pertencentes a dez universidades de Francia, España e Portugal. Un amplo e cualificado abano de relatores que, ao longo das 30 horas nas que se estrutura o programa, abordarán en Lugo as transformacións territoriais, agrarias, económicas, ideolóxicas e potestativas experimentadas no imperio romano durante os 40 anos que se prolongou o goberno de Augusto, un período que coincidiu coa culminación do imperio romano logo de completar o secular proceso de conquista da península Ibérica coa incorporación dos territorios cántabros, Asturias e Galicia.
A codirectora deste curso conmemorativo do bimilenario da morte do emperador Augusto, a profesora do Departamento de Historia I da USC María Dolores Dopico Caínzos, destacou a ambición do programa deseñado pola Facultade de Humanidades, en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e a Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, para lembrar tal efeméride. Dopico agradeceu publicamente o apoio institucional e financeiro recibido da USC e da Deputación de Lugo, unha axuda sen a que sería imposible celebrar un curso monográfico que ten espertado un grande interese entre os propios investigadores convidados a participar como relatores, xa que “están moi interesados en coñecer o potencial museístico dunha cidade romana como Lugo”. A profesora Dopico Caínzos aproveitou asemade a presentación deste seminario para alentar aos propios cidadáns de Lugo a valorizar na súa xusta medida a riqueza histórica e o patrimonio da cidade, porque “parece que esta realidade é moito mellor considerada pola xente de fóra que pola propia sociedade luguesa”. O profesor de Historia Antiga da USC e tamén codirector deste coloquio internacional, Manuel Villanueva Acuña, remarcou a orientación académica e científica que a USC, a través da súa Facultade de Humanidades, outorga á conmemoración do bimilenario da morte do emperador Augusto, fronte a celebracións máis populistas e lúdicas desenvolvidas noutras localizacións españolas co gallo desta efeméride. Villanueva Acuña lembrou neste senso que Lugo non é a única cidade española fundada polo emperador Augusto, senón que nesta etapa tamén se creou a cidade de Zaragoza. Asemade, este profesor da USC fixo fincapé en que a organización deste coloquio internacional representa tamén unha contribución da USC a prol dun maior coñecemento da cidade de Lugo e da súa historia. A indiscutible talla científica do programa deste coloquio internacional e a súa vocación de divulgación á sociedade da historia e da cultura de Lugo son as dúas características deste programa destacadas polo deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, durante a presentación do curso ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do Noroeste Hispano’, un acto no que o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a vice decana da Facultade de Humanidades JoDee Anderson, agradeceron o traballo e o empeño amosado polos promotores deste seminario monográfico. Inscrición e destinatarios: O curso ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do Noroeste Hispano’, que se desenvolverá na Facultade de Humanidades do campus de Lugo do 21 ao 23 de xullo, está aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, pero vai especialmente dirixido a profesores/as de Xeografía e Historia, Arte, Latín, Grego e Cultura e cultura clásica, así como a titulados/as e estudantes universitarios/as, que poderán solicitar o seu recoñecemento por un crédito de libre configuración. O prazo de inscrición neste curso monográfico permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de xullo de 2014 e a matrícula deberá formalizarse en liña, a través da páxina web www.usc.es/humanidades. O prezo da inscrición é de 30 euros para estudantes e desempregados e de 50 euros para o resto das persoas.