Os Decanatos de Letras alertan das “dificultades” dos estudos de Humanidades en España e ven “indispensable” esta formación

A decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, María Isabel González Rey, puxo voz este xoves ao manifesto aprobado polos decanos e decanas de Letras das universidades públicas españolas na XXII Conferencia Nacional de Decanatos de Letras, un documento que se fixo público de xeito simultáneo en todos os centros universitarios públicos españois nos que se imparten estudos de Humanidades e a través do que os seus decanos/as manifestan a súa opinión respecto das “serias dificultades” que afrontan os estudos de Humanidades en España. “As Humanidades son indispensables nunha universidade que queira responder ás necesidades dunha sociedade democrática e corren o risco de verse postergados como luxo cultural prescindible”, reza o manifesto da XXII Conferencia Nacional de Decanatos de Letras. Este texto reivindica tamén o valor das Humanidades como saberes acerca das realidades humanas e dos documentos que constitúen o legado da cultura herdada. Os Decanatos de Letras rexeitan asemade a concepción das universidades como fábricas de coñecemento para o rendemento inmediato e critican, entre outras cuestións, a delicada situación pola que atravesa a formación superior e a investigación científica por mor dos recortes orzamentarios.