O grupo de teatro TRIsMuS da USC recada fondos para a Fundación Andrea

A asociación de estudantes TRIsMuS da Facultade de Medicina da USC representa este xoves 8, ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco, a obra de teatro ‘Mucho ruido y pocas nueces’ de William Shakespeare. Como cada ano, a asociación organiza esta actividade cun obxectivo benéfico e nesta ocasión o recadado destinarase á Fundación Andrea, que apoia aos cativos e cativas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. As persoas que desexen colaborar poden adquirir a súa entrada no auditorio ese mesmo día a partir das 17.00 horas ata xusto antes de que comece a función. O prezo das entradas e de cinco euros xeral e tres euros para estudantes. Os integrantes deste grupo de teatro son na súa maioría estudantes da USC, de distintas facultades, se ben a asociación naceu en Medicina en 1995. A estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Berta Cobo, é a actual directora que adaptou a obra de Shakespeare para os actores non profesionais. Dende hai dous anos, TRiSMUS colabora coa Fundación Andrea, pero ao longo da súa historia este grupo de teatro realizou quince representacións en diversas instalacións universitarias así como outras actividades como recitais de poesía ou performances improvisados, todos cun obxectivo benéfico e sen ánimo de lucro. TRiSMuS O grupo TRIsMUS ten como principais fins a aprendizaxe de técnicas de interpretación e a representación sen ánimo de lucro. Tódolos anos imparten un curso que serve para captar novos actores e aos que amosan técnicas de improvisación, proxección vocal, expresión corporal e outras nocións básicas que poñen en práctica na representación anual coa que recadan fondos para diversos fins benéficos.