Pasar al contenido principal
STG

Unha xornada aborda en Relacións Laborais as oportunidades económicas e de emprego que xera o medio ambiente

Freire, Tasende, Montes e De Ana Magán, na escola de Relacións Laborais
Freire, Tasende, Montes e De Ana Magán, na escola de Relacións Laborais
A directora da escola universitaria, Mercedes Montes, presidiu o acto de clausura do foro, organizado por Sogama en colaboración coa Fundación Campus Lugo

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo acolle este xoves a xornada ‘ Medio Ambiente e Emprego’, un foro organizado pola Fundación Campus Lugo en colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) no marco do que distintos relatores analizaron e expuxeron a estudantes universitarios/as as posibilidades que ofrece o medio ambiente para a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza.

O director xeral da empresa Valora Consultores, Senén Ferreiro, abriu a quenda de relatorios cunha intervención na que falou do emprego verde en Europa e das oportunidades que ofrece o medio ambiente no eido do desenvolvemento sostible. De seguido, María Pérez Sainz, técnico do departamento de prevención e servizos a empresas do sistema integrado de xestión de Ecoembes, disertou sobre as posibilidades do ecodeseño. Este novo concepto atinxe ao cometido desenvolvido por aquelas empresas que traballan a prol da incorporación da perspectiva ecolóxica na súa actividade, ao tempo que reducen a produción de residuos e tratan de facer do aproveitamento destas materias un importante xacemento de emprego. Unha táboa redonda sobre o cometido do medio ambiente na economía sostible serviu de colofón da xornada, na que participaron numerosos estudantes da escola universitaria de Relacións Laborais de Lugo. O emprendemento empresarial na área da sostibilidade, a contribución da eco innovación ao crecemento económico e a proxección comercial dos produtos ecolóxicos foron os eixes temáticos sobre os que xiraron as intervencións dos tres relatores convidados para participar nesta sesión: Pedro Tasende, xerente de Aporta Comunicación; Francisco Javier Fernández de Ana Magán, director do departamento de I+D+i de Hifas da Terra, e Rocío Freire, responsable de Calidade de Alibos Galicia. Ao remate da quenda de intervencións, a directora da escola universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo, Mercedes Montes, pechou o programa da xornada Medio Ambiente cun breve acto de clausura, no que convidou aos/ás asistentes a explorar as oportunidades que depara o medio natural e o aproveitamento dos seus recursos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2014.