Pasar al contenido principal
STG

A USC participa con universidades de Uzbequistán nun proxecto Tempus para o desenvolvemento de sostibilidade agraria

Agustín Merino e Javier Bueno, con representantes da delegación uzbeca que está de visita na USC
Agustín Merino e Javier Bueno, con representantes da delegación uzbeca que está de visita na USC
Unha delegación uzbeca visita a Escola Politécnica Superior para coñecer a súa oferta de titulacións e estudar colaboracións en másteres ou programas de doutoramento

Unha delegación de representantes de universidades e centros de investigación de Uzbequistán visitou este xoves a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo para coñecer os procesos de acreditación, os contidos e a programación da súa oferta de titulacións, así como para valorar posibles vías de colaboración de cara a futura organización de másteres e incluso de novos programas de doutoramento.

O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo Agustín Merino acompañou á delegación uzbeca durante a súa estadía no campus lugués, onde logo de manter unha reunión co equipo de dirección da EPS, tamén tiveron oportunidade de coñecer as instalación e o sistema de xestión da Biblioteca Intercentros, ademais de analizar con investigadores do campus de Lugo posibilidades de colaboración en futuros programas de máster e, sobre todo, de doutoramento. A visita desta delegación uzbeca ao campus lugués da USC encádrase no marco do proxecto Samuz, incluído nun programa Tempus centrado en exclusiva no desenvolvemento da sostibilidade agraria, e no que participan ademais da USC outras universidades de Alemaña, Reino Unido e Gracia, así como sete centros universitarios e de investigación de Uzbequistán. Merino explicou neste senso que a participación da USC neste proxecto é destacada, xa que a actual estrutura das titulacións universitarias en España é parecida á do sistema universitario uzbeco, con títulos de grao de 4 anos de duración e másteres, de dous. Asemade, no eido da agronomía, as titulacións de grao e posgrao actualmente impartidas na Escola Politécnica Superior tamén poden servir de modelo ou referencia para as reformas e o proceso de modernización das ensinanzas agrarias que pretenden desenvolver en Uzbekistán. Este programa Tempus no que a USC volve a participar como socio colaborador de universidades uzbecas non está centrado na mobilidade de persoal docente e investigador. Sen embargo, segundo precisou Agustín Merino, o interese amosado pola delegación uzbeca en crear un programa de doutoramento sobre Economía Agraria si que podería abrir unha etapa de colaboración máis intensa entre a USC e as universidades deste país de Asia central.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2014.