O obradoiro de técnicas de relaxación e meditación chega en febreiro á súa quinta edición
Debido ao éxito de participación na anterior edición, a Fundación USC Deportiva organizará a partir de febreiro en Santiago un novo obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde a través do que se poderán coñecer os beneficios que comportan, como a redución significativa do estrés, a mellora das capacidades de concentración e atención así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas. Nesta quinta edición impartirán de novo as distintas sesións a doutora en Psicoloxía Clínica de Xuntos e colaboradora da Unidade de Trastornos Depresivos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, Elisabet Hermida, e Amancio Rial, profesor de Tai Chi, Kung Fu e Meditación da Fundación USC Deportiva. A actividade está aberta a toda persoa interesada na temática, cun máximo de 15 participantes. As distintas sesións celebraranse todos os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas entre o 4 de febreiro e o 23 de marzo na Sala Multiusos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web www.fundacionuscdeportiva.org.