Pasar al contenido principal
STG

A Facultade de Humanidades dá a coñecer a súa oferta formativa na feira de industrias culturais Culturgal

Gonzalo Fernández e Marcos Franco, no expositor da Facultade de Humanidades no Culturgal
Gonzalo Fernández e Marcos Franco, no expositor da Facultade de Humanidades no Culturgal

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo vén de participar cun posto na última edición do Culturgal, unha feira da industria cultural celebrada a pasada fin de semana no Pazo de Cultura de Pontevedra, onde o centro universitario lugués presentou a súa oferta formativa, en especial o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e o Máster en Servizos Culturais.

A presenza da Facultade de Humanidades da USC no Culturgal foi ben acollida e valorada pola maioría dos expositores, así como por destacados membros da organización desta feira da industrial cultural. De feito, todos salientaron o feito de que a Facultade de Humanidades da USC é o único centro universitario galego no que se imparte unha oferta completa de grao e máster orientada cara a xestión, mediación, produción e difusión cultural, características que converten a facultade luguesa nun instrumento formativo fundamental para a vitalidade da industria cultural galega. As persoas que durante a celebración do Culturgal se achegaron ata o posto da Facultade de Humanidades, un expositor que durante as tres xornadas do certame estivo atendido por persoal e docentes do centro, recibiron, ademais dun folleto explicativo do centro e da súa oferta académica, ampla información respecto da duración dos títulos de grao e máster, planos de estudo, itinerarios de orientación profesional, características e singularidades das modalidades de cursar estudos de xeito presencial ou semipresencial, posibles vías de inserción laboral... O profesor da USC Gonzalo Fernández, que foi unha das persoas da Facultade de Humanidades do campus de Lugo que estivo presente na última edición do Culturgal, subliñou a opción da modalidade de grao semipresencial e o amplo abano de orientacións profesionais que presenta este título universitario como dous dos aspectos máis e mellor valorados polos demandantes de información. Fernández subliñou que a programación flexible dos títulos de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así como do Máster en Servizos Culturais é importante e vantaxosa para as persoas que orientan o seu futuro cara a industria cultural, xa que permite compaxinar a vida laboral e familiar coa realización de estudos. Vista a boa acollida que tivo a participación da Facultade de Humanidades da USC no Culturgal, o profesorado do centro universitario lugués avoga por manter no futuro, cando non incrementar, a súa presenza nos grandes foros culturais e formativos de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2014.