Defendeuse a primeira tese da Escola de Doutoramento Internacional

O doutorando chinés Qing Tang acadou este martes a máxima cualificación pola súa tese de doutoramento, a primeira da Escola de Doutoramento Internacional (EDI) da Universidade de Santiago que dirixe a profesora Isabel Rodríguez-Moldes Rey, na actualidade vicerreitora de Investigación e Innovación. Qing Tang realizou o seu traballo de investigación na USC cunha bolsa de estudos do goberno chinés. A tese, titulada ‘Un estudo de ecuacións diferenciais con pulos: Teoría e aplicación’ e dirixida por Juan José Nieto Roig, avaliouna na Facultade de Matemáticas un tribunal presidido polo catedrático de Análise Matemática da USC, Alberto Cabada, e formado ademais polos profesores Iván Area e José Ángel Cid, da Universidade de Vigo, Uygun Jamilov, do Instituto de Matemáticas da Universidade Nacional de Uzbekistán, e Rodrigo López Pouso, da USC. A Escola A Escola de Doutoramento Internacional da USC, que xurdiu da reestruturación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde, é dende hai menos de dous anos a unidade encargada de organizar os estudos de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento ademais de traballar na promoción da investigación na sociedade así como no desenvolvemento de estratexias de fomento da colaboración intra e interuniversitaria, facendo especial fincapé na súa internacionalización.